Blog

A moda ideal / Un mundo sen cores

A moda ideal

HAI UNS DÍAS na Boa Vila de Pontevedra, despois dunha longa xornada de traballo, ocorreu un misterioso e alarmante suceso.

As persoas que vivían preto da antiga tenda, chamada Moda Ideal, viron como o lume devoraba unha tenda que escondía grandes segredos. Tras varias semanas de intenso traballo, atopáronse unha serie de pistas sobre o misterioso incendio.

Todo comezou no ano 1898. Un xoves chuvioso pola mañá a tenda acababa de abrir as súas grandes portas de madeira e presentouse un mozo de aspecto fracucho chamado Pituso pedindo traballo.

Ano tras ano, Pituso coñecía mellor a súa clientela e decidiu comezar un libro con todas as historias que lle transmitiron as súas refinadas clientas. Entre estas historias relataba o suceso de como un descarado papagaio colorido lle arrebatou da man a Pituso un delicioso pastel. Tratábase do papagaio de Don Perfecto Feijóo, que se acercara á tenda a pedir varias teas brancas para facer unha bata de farmacéutico. Maldito papagaio larpeiro!

Por outra banda, tamén contaba como no 1900 un pequeno rapaz moi ben vestido e con pencas viu pola ventá da tenda un ratiño, polo que entrou acelerado para collelo, tropezou e aterrou no chan, levando por diante moitas teas que caeron dos estantes enriba del. Moi fino, si, pero a que se montou! Anos despois Pituso enterouse de que aquel rapaz era o famoso violinista Manuel Quiroga.

Xa recentemente atopáronse entre as vellas telas do almacén da Moda Ideal unha caixa de madeira antiga con miles de follas manuscritas, que reflictían historias e intimidades da clientela máis selecta da Moda Ideal.

Correuse a voz da publicación deste libro por toda a vila de Pontevedra e un familiar dun dos protagonistas dunha horrenda historia do libro enfadouse tanto que decidiu destruír todos os indicios poñendo fin á moda ideal...


Elena Pérez Luaña (CEP Campolongo, Pontevedra)


Un mundo sen cores

HAI MOITÍSIMOS anos o mundo só coñecía o branco e o negro, non coñecía máis cores.

Os bosques eran negros, a auga branca, as plantas, as flores..., todo era ou branco, ou negro.

A xente, triste e aburrida, non paraba de loitar. Cansa de tantas pelexas, Elisabet viaxou polo mundo en busca de cores, leu un conto que falaba de flores vermellas, auga azul, bosques verdes...

Despois de moito tempo soa, encontrou un amigo chamado Eric que tamén buscaba as cores, así que viaxaron xuntos.

Todas as vilas e cidades que visitaron eran iguais, brancas e negras. Cada vez estaban máis tristes e non pensaban que as cores existían.

—Estou cansa, Eric. Volvemos á casa?

Pero Eric non quería abandonar:

—Un pouquiño máis, Elisabet, seguro que as cores están cerca.

Cando acabaron de buscar en América, colleron un barco para ir a Europa.

O barco era enorme e moi escuro, Elisabet tiña medo porque o océano era demasiado negro.

—Non teñas medo, amiga, que nunca te deixarei soa.

Eric estaba moi namorado de Elisabet, pero non se atrevía a contarllo, por se escapaba.

Por fin chegaron a España, a un porto de Galiza. A viaxe foi moi díficil e longa, estaban tan contentos de coñecer Europa que Eric e Elisabet abrazáronse e bicáronse.

E, ao bicarse, non podían crer o que vían! O mar encheuse de cores azuis e verdes, a praia brillaba como se fose ouro e as plantas e flores estaban cheas de cores. Pero o máis bonito eran Elisabet e Eric, que se encheron de miles de cores. O pelo louro dela e os ollos verdes del.

Que bonito é o mundo en cores!


Elia Puddu Sanmartín (CEIP Amor Ruibal, Barro)

Comentarios