Blog

O espello / A viaxe de Jules

O espello 

APOIOUSE no lavabo e lavou o rostro con auga xeada, suspirando. Tentaba tranquilizarse, mais non se vía capaz de facelo, e non podía comprender o porqué. Ultimamente non se atopaba como de costume. Estaba alterado, malhumorado, inquieto. Sentíase como se non pertencese a ese lugar, como se a súa casa non fose o lugar onde debía estar. Estaba fóra de si, nin sequera se pertencía parte de si mesmo.

Vivía un soño, nada daquilo era real.

"Estarei volvéndome tolo?", preguntouse.

Ás veces sentía que ninguén o entendía. Viña de enfadarse coa súa familia. E o único que fixo para remedialo foi encerrarse no baño pechando a porta dun golpe. O peor era que nin sequera recordaba por que se enfadara tanto. De pronto só quería berrar, desafogarse, romper algo.

Romper...

Deixouse levar por un súbito arrebato de ira. E cando volveu en si, todos os frascos de vidro estaban rotos. Fragmentos de madeira, louza e cristal estaban esparexidos polo chan do cuarto de baño.

Non sabía que lle ocorría, non era el mesmo. Notábase a punto de estoupar, un estraño na súa propia casa. Botou auga pola fronte, intentando aclarar as ideas. Levantou a cabeza e contemplou o seu reflexo no espello, que parecía ser o único que seguía impoluto en todo o cuarto.

Quedou de pedra cando viu a súa imaxe.

O seu reflexo contemplábao impasible, cando esbozou un medio sorriso. El, observando o espello, pegou un chimpo, pero o seu reflexo seguía imperturbable. A imaxe adoptou unha expresión burlona e tendeulle unha man, invitándoo a seguilo. El mirouna con desconfianza.

Sen saber por que, estendeu o brazo e aceptou a man que el mesmo lle ofrecía.

Alba Mato Búa (IES Manuel García Barros, A Estrada)


A viaxe de Jules 

O PASADO 4 de xullo arribaba ao porto de Vigo un cruceiro de aventura, o Albatros. Procedía de Portsmouth. A bordo viñan mil persoas; a maioría, turistas alemáns.

No medio daquel formigueiro humano viña unha familia procedente de Hastings co seu fillo de nove anos, Jules, un rapaz moi observador.

Nada máis atracar, os turistas saíron pasear pola cidade e gastar os cartos.

As rúas estaban repletas de turistas, artesáns, vendedores...

Cando pasaron por diante dos postos artesáns a nai non puido resistir a tentación de deterse en cada un deles.

Seguiron camiñando e chegaron ata as Avenidas.

Os pais ían diante e Jules quedou atrás.

Detívose en fronte dunha enorme escultura de bronce.

Chamoulle moito a atención a súa temática, pero sobre todo a mirada do home sentado nos tentáculos daquel monstro mariño. Parecía querer dicirlle algo.

Decatouse de que era Julio Verne. El era un fan seu. Lera todos os seus libros.

Ao carón da estatua había un home sentado nun banco de pedra. Tería arredor duns setenta anos. Tiña unha cabeza repleta de pelo cano, igual ca a súa barba.

Levaba un traxe moi elegante de cor escura.

Tiña pinta de ser un home instruído.

A súa mirada era coma un océano.

O home, cando viu o neno tan interesado na escultura, preguntoulle:

—Sabes quen é?

—Seino, é Julio Verne dominando unha lura xigante.

Estiveron falando daquela escultura moito tempo.

Jules descubriu que o artista vigués José Molares a doara á cidade de Vigo.

O rapaz tivo que marchar. O tempo pasou voando.

Despídense. Botou a correr. De súpeto, detívose. Mirou cara atrás. O vello desaparecera.

Decatouse que a escultura lle sorría.

Entón comprendeu o que lle dixera o ancián misterioso: "Todo o que unha persoa poida imaxinar, outra pode facelo realidade".

Francisco Miranda Iglesias (IES Valadares, Vigo)

Comentarios