Blog

O meu soño / A vinganza das lendas

O meu soño

Onte tiven un soño incrible. Coido que é por esas pílulas que nos deron, que sabían tan mal e cheiraban tan raro.

Soñei que era un ser moi estraño. Tiña unha especie de extensións articuladas que saían de todas as partes. Eramos moitos, e todos diferentes. Podiamos ser máis grandes, ou máis pequenos, e de moitas cores, pero eu sentía que funcionabamos igual por dentro. E non o entendo, porque pareciamos tan distintos uns doutros!

E, malia que (coido eu) funcionabamos do mesmo xeito, non nos trataban igual a todos. Dependendo da cor, ou do tamaño, asignábannos unhas tarefas distintas e do máis peculiares. A min, por exemplo, tocoume traballar nunhas minas moi raras, con outros da mesma estatura e cor.

Pero, cando penso no soño, decátome de que é completamente inverosímil. Porque, aínda que eses seres soamente podían vivir no planeta onde transcorría o soño, ninguén se preocupaba por el. Todas as nosas actividades consistían en esgotar os recursos do planeta, ou en enchelo de substancias estrañas. Como se quixésemos esmagalo, ou algo así.

Tamén había máis cousas estrañas. Para obter enerxía, tiñamos que introducir unha substancia estraña por unha especie de cavidade que tiñamos na parte superior do corpo. Aínda que, nos tres días que pasei nese lugar de soño, nunca me tocou a min, e tampouco vin a ninguén da miña cor facelo. Será que somos un modelo máis avanzado, e non nos fai falla.

Si, onte tiven un soño incrible. Soñei que era un ser humano.

Darío Camaño Barreiro
IES as Bizcoas (O Grove)


A vinganza das lendas

As lendas estanse perdendo. A xente de agora, tan moderna, non pensa nas historias antigas. Os mozos, que non poden vivir sen o móbil na man, esquécense de como soñar, imaxinar, de crear... Por iso, os personaxes de contos e lendas do mundo enteiro reunímonos para facer algo.

-Isto é fatal para a nosa existencia -comentou unha moura-. Adultos e nenos que no pasado nos buscaban alegres e contaban as nosas historias, na actualidade reclúense na súa casa xogando coas consolas ou vendo a televisión.

-Temos que facer algo -gritou indignado un trasgo-. Xa ninguén cre en nós.

-Delegacións de todo o mundo, tramaremos un plan para que volvan crer -dixo a Dama do Lago-. Pois só así a humanidade recuperará o seu marabilloso ben, a imaxinación, porque esta noite secuestraremos a electricidade.

Á mañá seguinte os humanos espertaron para darse conta de que nada funcionaba. Rañaban a cabeza e mirábanse entre eles pensando: «Que pasa aquí?». Os días pasaban e a xente non sabía que facer con todo o tempo que antes pasaban coas maquiniñas. Pouco a pouco a xente comezou a ir ás bibliotecas e a volver falar coas persoas de idade avanzada que gardan na súa mente as lendas de antes. A xente xa volvía crer, soñar e, o máis importante, imaxinar e crear novas historias.

Devolvemos a electricidade, pero xa a ninguén lle importaba. Os aparatos quedaron esquecidos collendo po. Esperamos que siga sendo así e ti, cada vez que vaias ao monte, presta atención e non esquezas que as lendas teñen sempre algo de verdade.

Comentarios