Blog

O País do Revés / Historias que trae o mar

O País do Revés

Era unha vez unha nena chamada Onika, a cal vivía nas aforas da cidade cos seus pais.

Unha mañá de decembro, seu pai entrou ao seu cuarto cunha caixa e díxolle:

—Filla, isto é para ti. Un pequeno agasallo polas túas boas notas.

A nena deulle un bico e, ao abrir a caixa, descubriu un pequeno gatiño de cor negra e ollos verdes.

Co tempo, o gato, ao que chamou Tim, converteuse no seu mellor amigo.

Unha noite, mentres durmía, escoitou unha voz que lle dixo:

—Onika, necesitámoste.

Sobresaltouse, prendeu a luz e agudizou o oído, pero non escoitou nada. De súpeto, oíu miañar no armario, achegouse e abriuno. Entón viu o seu gato Tim, que lle dixo:

—A miña familia e mais eu precisámoste.

A nena, estrañada, replicou:

—Co-como é que podes...?

—Non importa. Tes que vir comigo.

Saíron pola fiestra, xa que a súa casa era de planta baixa.

—Dirixímonos ao bosque. Debemos acabar con eles canto antes —explicou Tim.

—Pero, acabar con quen? —dixo Onika.

—Temos que darnos présa —o gato apurou o paso.

Chegaron ao bosque e Tim dirixiuse a un tronco oco. Entraron e a nena decatouse de que semellaba máis pequeno do que era.

Cando chegaron, a nena non podía dar crédito ao que vía.

Centos, quizais miles de gatos miañaban desconsolada e desesperadamente sobre cadeiras. No chan, millares de ratos ríanse e mordíanos.

Onika, desconcertada e cos ollos coma pratos, preguntoulle a Tim:

—Que é o que acontece?

O gato, fitándoa aos ollos, respondeulle:

—Nunca estiveches no País do Revés?

Genoveva Longueira Pereira (Ies Castelao, de Vigo)

---------------------------------------------------------------------------------------


O libro de Nadima

A miúda mociña camiñaba leda cara ao mar, os seus pés pequenos quedaban escritos na area e o seu roxo cabelo voaba ao son das ondas.

A lúa iluminaba o seu corpiño de fada inocente, sorrindo con tenrura.

As finas sabas de auga da beira agarimaban as perniñas gordechas da nena, como animándoa a seguir.

E ela seguía, cada vez máis rápido, cada vez cun sorriso máis fermoso.

Ao final topou co seu destino e viaxou aos brazos do seu pai, coa pel torrada polo sol do Pacífico e os ollos cheos de historias.

Pai e filla choraron bágoas de amor e camiñaron baixo o luar collidos da man e coa mirada contenta.

O mariñeiro contou á súa nena contos das Américas. Relatoulle todo o que vivira neses meses tan afastado do seu fogar, as forzas que a risa da súa princesa lle daban, as ganas que tiña de vela e abrazala.

Describiulle todos os lugares marabillosos que vira, cada un dos espectaculares luscofuscos, tanta beleza que se resumía na súa filla.

A pequena rapaza contoulle como foran os días sen os seus abrazos, sen os seus bos días, sen el.

E, xuntos, baixo as estrelas, volveron chorar, choraron de morriña.

Lucía de Lorenzo Serrano (Ies A Sangriña, de A Guarda)

Comentarios