Blog

O seu primeiro traballo / Perdida

O seu primeiro traballo

ERA BEN CEDO cando a miña nai me espertou, o ceo estaba escuro aínda, mais ela non paraba de repetirme: "Hoxe será un día moi especial".

Entón eu, Mabel, unha nena coma todas as de dezasete anos, tendo en conta o que me repetía a miña nai, arregleime, vestinme ben, coa roupa nova dos domingos. Peiteei o cabelo liso e rubio que eu teño e fun onda ela.

Foi cando puiden comprobar que ela levaba roupa furada e vella, e fíxenme unha idea do que acontecía.

Segundo as instrucións da miña nai, puxen roupa rota e usada e volvín á cociña, onde a miña nai estaba sentada. Ela asentiu coa cabeza e foi cando pola porta entrou o meu pai e mais algunhas veciñas nosas.

Observei que levaban colgadas do pescozo botas de auga, restrelos e redes, e o meu pai tiña na súas man barreños e esportas negras, entón foi cando me decatei de que a miña nai tamén tiña un par para min e comprendino todo: espertarme cedo para que a marea estivese no seu punto máis baixo, a roupa vella e non a nova que a miña nai lle daba pena usar ese día... e as esportas.

Agora todo tiña sentido; só era unha nena máis de dezasete anos que ía "á seca" por primeira vez no 1949.

Saín pola porta con toda a miña familia cara á praia máis próxima.

Hoxe en día, Mabel, a miña bisavoa, ten 82 anos, e cóntame que desde aquela época a agora as cousas cambiaron moito.

A maioría da xente xa non vai á seca, pero aínda así segue sendo un oficio que nunca se perderá nin ninguén poderá impedilo.

E loitarase para iso. 

Carmen Fraga Álvarez (CEIP Valle Inclán, O Grove)


Perdida

ALGÚNS DIN que non son ninguén.

Outros nin sequera me falan.

E déixanme tirado.

Pero aínda hai moita xente que me respecta.

E esa xente son as mellores persoas de toda Galicia, que iso é moito.

Aínda que pasen os anos, eu seguirei aquí, coma unha campioa, loitando cada día por lograr o meu soño.

Un soño que o máis probable é que non se cumpra nunca.

Pero eu penso erguerme cada día para conseguilo, sen renderme nunca, porque a xente da que falei antes fai posible que o meu soño se vaia facendo, pouquiño a pouco, máis unha realidade e menos un soño.

Por iso, aínda que algúns me esquiven, me intenten facer o baleiro pasando de min, ou falando noutra lingua para que eu non os entenda, obrigatoriamente vanme falar.

De momento eu sigo esperta, pero algún día, por desgraza, chegará o momento no que non abrirei os ollos para levantarme.

E aínda que pareza mentira, eu fun amiga de Rosalía de Castro, unha muller que me quería e me respectaba, pero isto ás novas xeracións non lles importa.

Agora falan doutros temas e cousas, e a min non me meten nas conversas.

Aparezo en Google, na Wikipedia e en moitos sitios de Internet máis, pero non me buscan.

Xa vou indo vella, triste, perdida...

Teño que revivir porque é necesario que estea aquí para a xente.

Eu son o galego e o meu soño é que en toda Galicia me volvan falar. 

Rita García Figueira (CEIP Progreso, Catoira)

Comentarios