Blog

Unha acampada especial/Arte e...maxia

Unha acampada especial

UN DÍA, unha nena chamada Sara foi ao bosque coa súa familia e atopou un diamante morado colgando dunha árbore cun fío dourado e brillante que tiña un papel que poñía: "PARA SARA". Sara, contenta e curiosa, foi ensinarllo á súa familia e o seu pai dixo:

—Se di "PARA SARA", será para ti. Non pensas o mesmo, Xulia?

A súa nai, Xulia, respondeu:

—Pois si, pero tes que coidalo moito, Sara.

—Vale, nai, moitas grazas.

Esa noite quedaron a durmir no bosque. Ás doce en punto Sara oíu un ruído de música tranquila. Entón o seu diamante empezou a brillar e unha luz de cor rosa guiouna ata a música. De súpeto, caeulle enriba un po prateado e Sara transformouse nunha preciosa fada. Había moitas máis fadas que estaban a celebrar unha festa. Unha das fadas díxolle a Sara:

—O diamante é un regalo noso. Para chamarte, brillará e levarate ata nós.

—Vale. Pero agora temos que despedirnos. Ata logo.

—Pero non queres quedar? —dixo unha fada.

—Bo, se podo... dixo Sara.

Sara e as fadas bailaron toda a noite. Ao día seguinte Sara espertou no seu saco de durmir e o seu pai preguntoulle:

—Durmiches ben?

—Si, moi moi ben. E ti?

Miriam Oshi Seco (CEIP Froebel, Pontevedra)


Arte e... maxia

ONTE FUN ao museo de arte. Estaba tan tranquila, pero, de súpeto, escoitei unha voz que dicía:

—Aquí, aquí, estou aquí!

Non vos imaxinades o medo que tiven cando descubrín que o ruído viña dun cadro! Asomeime ao cadro para ver o que ocorría e alguén me empuxou cara ao cadro! Estaba desorientada! Estaba dentro do cadro!

"Como volverei á miña casa?", pregunteime.

Ao lonxe vin unha persoa con pinta de ser moi temerosa, e corrín cara a ela para pedirlle axuda, pero saíu correndo do cadro. Eu perseguina e, de súpeto, deime conta de que estaba no mar. Estaría noutro cadro distinto? Pero esa non era a miña maior preocupación. Un tiburón pisábame os talóns! Nadei e, xusto cando o tiburón xa estaba abrindo a boca para chaparme enteriña, caín de cu noutro cadro. Alí estaba a persoa que vin antes. Escondinme detrás dun arbusto para que non me vise e non se asustase. Cando xa estaba moi cerca dixen moi rapidamente:

—Ola, eu non pertenzo a este cadro. Poderíasme axudar a saír de aquí? Non quero facerche dano.

El contestou:

—Eu a ti podo axudarche, pero ti a min non!

—A ver, cóntame o teu problema —contestei.

—Pois que eu estou sempre aquí soíño entre todos estes cadros, non teño amigos dixo el.

—Vou axudarche, pero dime como podo saír de aquí —contestei. 

—Claro, bebe esta poción e poderás saír.

Saín do cadro e díxenlle ao meu amigo:

—A ver, como podo axudarche? 

—Lévame contigo —dixo el.

—Non podo, ti tes que estar aquí, no museo, pero sei como axudarche.

Fun á miña casa e debuxei un montón de personaxes con cara de simpáticos. Logo metinos dentro do cadro.O meu amigo díxome:

—Grazas por todos estes amigos. Seguro que seremos moi felices.

—De nada —contestei.


Nerea Pallarés Barca (CEIP Illas Cíes, Vigo)

Comentarios