Blog | Balas de fogueo

Como están as cabezas

O título deste artigo é unha expresión de admiración, un laído, unha forma de rosmar; en ningunha forma é unha exclamación de sorpresas. Non caben sorpresas: as cabezas están como están dende hai tempo e a pandemia non fixo senón empeoralas. É fácil botarlle merda enriba a Vladimir por terse empoleirado e botar de dentro, en troques dun ovo, unha invasión. É moi fácil, pero tivo que pasar, como o resto dos mortais, polos duros tempos no que a Covid 19 (ou a Covid, dáse validez ás dúas formas de xénero) atacou duro e moi pouco se sabía del. Curioso porque agora foi el, Vladimir, o que atacou duro e segue a ser un segredo moito do que lle acontece (na cachola e na vida en xeral).

Non vou caer na tentación de poñer como exemplo do mal que están as cabezas á xentiña que, vacinada e sen patoloxías que coidar, camiña enmascarada pola rúa cando xa se pode estar sen máscara en interiores. Con permiso das autoridades sanitarias, que non teñen por costume a indución ao suicidio. Eles. Os mesmiños que nos meteron mes e pico na casa, nos fixeron fregar as mans con xel ata que nos caía a pel a anacos, nos berraron por andar con máscara de tela e fi xeron apoloxía das FFp2: eses son os que din agora que xa se pode un desenmascarar. Pois si, mira, vou caer na tentación de poñer como exemplo do deterioro das cabezas a esa xente que non é que de botar da faciana a máscara. Esa especie de síndrome de Istocolmo versión sanitaria. O medo é libre e todo iso, pero somos seres racionais, dos que comen racións nos bares, como sinalou Siniestro Total. Hai cousas que dixeron os Siniestro que son verdades coma puños. ”Menos mal que nos queda Portugal”, por exemplo. Ou “camino de la cama es el mejor camino, solo estar durmiendo es mejor que estar dormido”. Os Siniestro eran unha milagre por acertar tanto e con tanta frecuencia aínda que tiñan as cabezas como as tiñan, iso é de primeiro de rock.

Volvendo ao vello tema da pandemia: que dicir do arraso dos supermercados na procura de papel hixiénico? A quen se lle ocorreu que a mellor forma de plantarlle cara a un virus descoñecido e malo coma un demo consistía en encher a casa de papel hixiénico? Unha cousa é que a cabeza non pare e outra é que se nos vaia a pinza de modo tan parvo. Igual que cando Vladimir díxolle aos ucraínos "alá vou!" e aquí comezamos a carretar aceite de xirasol para casa. Miña nai querida. Todo o arranxamos carretando moreas de cousas para casa.

Outro exemplo da proliferación de cacholas escasamente visitadas pola saúde témolo na gran cantidade de friquis que están a gobernar o mundo. Friqui é a denominación amable para alguén a quen lle chove na cabeza, por dicilo tamén de modo amable. Non vou poñer nomes porque igual que son friquis, son poderosos, pero Donald Trump (hai nada), Nicolás Maduro, Vladimir Putin, Jair Bolsonaro, Boris Johnson, Kim Jong-un… se cadra hai algún con trazas de asasino tamén. O friquismo pasa polas nosas vidas como un aire estraño que, curiosamente, arrefría mellor o ambiente que o aire acondicionado. Esperta os sentidos, sácache do muermo, espreguiza as tias neuronas. Quizais ese sexa o segredo que fai triunfar os políticos que saen dos carrís (pola tanxente). A min un día chamáronme friqui porque tiña demasiados discos na casa, mira tú, estamos a falar dun friquismo de todo a cen, un sucedáneo, aínda que non descarto o da chuvia na cachola.

En España unha e non cincuenta e unha tamén tivemos a nosa cota de friquismo oficial. Lembro a Jesús Gil e a Ruiz Mateos. Sempre lembro ao primeiro nunha piscina coas Mama Chicho ou ameazando ao Tren Valencia nunha rolda de prensa. É imposible borrar da mente a escena de “Te pego, leche” de Ruiz Mateos e Miguel Boyer, co primeiro vestido de Superman.

Rematando, e sobre todo se é vostede alguén que saca cousas da cabeza para producir artefactos artísticos inexistentes, da materia que sexa: teña moi, moi en conta que non todo o que funciona ben na nosa cabeza vai funcionar igual de ben fóra dela. Esto foi sempre así, vale, pero agora moito mais. E xa sabe porque llo digo: por como están as cabezas.

Comentarios