Blog | Balas de fogueo

Expertos do carallo

Guionistas de series policiais para streaming. Falemos deles. Vale, moito deles son moi bos, e deseñan unha tramas difíciles pero coherentes, que se van desenvolvendo diante dos nosos ollos ata que o nó finalmente se desata no derradeiro episodio. OK. Pero, ¿por que temos que tragar cousas absurdas como as que pasarei a contar a continuación? Por exemplo: un dos personaxes, case sempre o protagonista, ten unha serie de problemas que lle leva a medicarse con pílulas. Nunca sabemos que tipo de pílulas son, pero é evidente que as toma porque o guionista encárgase de que, cando sofre un contratempo ou se altera moito, engula dúas ou tres dun golpe, xeralmente acompañándoas cun grolo de whisky ou outro tipo de licor. Xusto o que non hai que facer: sobre medicarse e tomar ese tipo de pastillas con alcol. Está claro que é un recurso para salientar o fodido que está o personaxe e non para promocionar o abuso de estupefacientes.

Outra cousa que pasa sempre é que un dos malos e alguén do que xamais sospeitarías. É tan parva a cousa que rematas sabéndoo sempre: só tes que pensar quen é o menos asasino de todos e ese vai ser o asasino.

Outra cousa máis, as detectives ou os detectives sempre teñen un ex ou unha ex. E sofren por iso. Normalmente están sós pero a ex ou o ex está con outro ou con outra. Raio, vou deixar de poñer os dous xéneros en cada frase que isto é para tolear. Entón, esas policías ou detectives teñen moitos problemas e un deles é ese ex que xa ten outra parella pero que non saíu aínda da súa vida, a da detective, ou ben esta non é que de deixar que o faga. O caso é enredar. O caso é ca detective leve unha vida de merda e teña que comer pílulas con whisky para estar así moi atormentada e que pareza máis heroica a súa loita contra os criminais.

Outra cousa que fan sempre, unha cousa que ademais da unha pinta de expertos do carallo impresionante, é cando enchen unha parede de fotos de persoas involucradas no crime que están a investigar. Poñen alí as fotos moitas veces sen cerimonia, coma quen pon panos de mesa nunha mesa, que só falta que as peguen á parede con cuspe, e despois dan uns pasos cara atrás para contemplar o conxunto. Nesa escena só faltaba un letreiro na pantalla que puxera Expertos do carallo e xa sería redonda a cousa. Por suposto, empregan rotuladores de punta grosa para trazar frechas que relacionen a uns personaxes cos outros. É como un bosquexo da investigación que é mellor ter nunha parede que na cabeza. Tamén pode ser todo debido á inxestión de tanta pastilla con alcol. Tamén lles pasa a todos e a todas unha cousa: nun momento dado das peripecias, a peripecia consiste en que levan unha somanta de carallo. Un ou dous dos malos, ou algúns sicarios dos malos, ou un curmán o un fillo dun curmán ou un feixe de curmáns dos malos, danlle ao detective unha malleira de regulamento.

Os detectives, salvaxes eles, érguense como poden coa faciana chea de sangue e van dando tombos buscar un lugar onde lavala. Xeralmente é un lavabo. Os guionistas das series policiacas en streaming sonche moito de facerlle a vida imposible aos seus protagonistas. Pásalles de todo e moi pouco bo. Incluso cando resolven o caso e deteñen ao asasino, quédaselles unha cara de vounas levar de aquí a nada. Máis: os detectives e as detectives fuman e beben e andan con homes e con mulleres. Saltan a lei cando lles fai falta, din palabras que non deben escoitar os nenos, son malos pais e nais, escurren o bulto con Facenda, viven en antros de mala morte, pero, iso si, escoitan música boísima. Naturalmente, a música que lle gusta aos seus guionistas. Moitos deles entenden de música, e danse un pisto de carallo por esa sabedoría, e se non son eles son outros coma eles, expertos do carallo en materia musical.

Detective privado ou persoa que interpreta a un detective privado nunha serie de éxito. Iso ten que cundir pero moito. E aínda así, nada comparado con ser guionista dunha serie protagonizada por un ou unha detective privada.

Comentarios