No tempo das eleccións municipais, que é un tempo coma outro calquera só que hai eleccións municipais, escóitanse moitas tonterías como esta que acaban de ler. Tamén se escoitan noutros momentos, ollo, que o falar non ten cancela e xa se sabe que se falas moito, moito erras. E neste tempo a xente toda nos poñemos a falar máis da conta, saibamos ou non do tema. A xente da política, sobre todo, obsesiónase con dous asuntos: criticar e prometer. Ao tolo. Maricarmen Ayuso vén de prometer plantas en todos os balcóns de Madrid, podería prometelas incluso nas vivendas sen balcón e non pasaría nada. Total.
As promesas electorais son un xénero literario. Un xénero entre a ficción e a non ficción, con moita querenza polo primeiro tipo. Mestura imaxinación, surrealismo e lanzamentos en prancha e sen rede. As promesas electorais deberan ter o seu mestre Mateo propio, o seu premio nacional, non sei, algo.
Son o tipo de cousas que pasan nas eleccións, que te enchen a cachola de parvadas que non van a ningunha parte. Ou que fan de parvadas pequenas un asunto de vida ou morte. Aquí en Pontevedra, se Lores non chega a facer peonil Raíña Vitoria, non habería nin eleccións. A apertura desta rúa é o santo graal do programa dos seus máximos adversarios, con isto xa está todo dito. Non pensado, dito. Todos os partidos da oposición prometeron reabrir a ferida de Raíña Vitoria, agás o PSOE que dixo que abriría a media hasta. Si, pero non. Por un lado xa sabes e por outro que queres que che diga. Algo moi do PSOE.
Eu, xa para empezar, faría que nas municipais todos os candidatos e candidatas asinaran diante dun notario ou unha notaria as súas promesas electorais. Para despois poder denuncialos se non as cumpren e que fosen a parar os seus osos ao cárcere. E se puidesen atoparse nela co rei emérito, mellor. Cousas miñas. Se as candidatas e os candidatos asinasen diante dunha notaria ou dun notario as súas promesas, ía prometer Rita a cantaora. Preparar un mitin sería como preparar unha oposición. E que menos, que nos toman por parvos ás primeiras de cambio. Aínda lembro cando Telmo (Martín) dixo que se gañaba crearía 5.000 postos de traballo e habería unha praia no lugar que actualmente ocupa Ence.
Prometía tamén soterramentos para crear prazas de aparcadoiro e túneles para liberar tráfico en superficie. E tal que sei eu. E non esquezamos que estabamos en 2010, cando golpeaba a recesión económica máis forte do presente século. O máis bonito é que acadou os mellores resultados para o seu partido en toda a historia municipal de Pontevedra. Ou algo así, que agora dáme pereza poñerme a ver.
O caso é que prometer da votos, senón non sería un recurso tan empregado e ao que se adica tanto tempo e tanta desvergoña. Pois que se comprometan co prometido non semella tanto problema. A democracia é un negocio que xestionan os partidos políticos: pois que xestionen ben o que prometen.