Blog | A lume maino

17 de maio

PASOU outro día das Letras Galegas, e outro Plenario da RAG a render homenaxe aos artesáns das palabras, destapando a historia que deixaron escrita no exilio. Outra manifestación a resoar na pedra da memoria de noso, a fin de reivindicar un mundo en galego. Entre o son das gaitas, que non faltaron, e os discursos académicos e os políticos, e unha chuvia de versos a caer polas redes adiante. Un día para lembrar outra vez que o galego é unha especie viva en perigo de extinción. Unha lingua que tanto serve para pronunciar unha clase maxistral, como escribir un conto, berrar consignas reivindicativas, xogar, facer unha entrevista, cantar nun festival, facer ecuacións, percorrer o Camiño, pregar, presentar o proxecto da túa vida... como para rir a gargalladas, soltar bocaladas, facerlle as beiras a alguén, rifar encarrexado, debater, animar ao equipo da alma, chorar sen consolo, arrolar a un pequeniño ou amar apaixonadamente.

Pasou outro día das Letras coas librarías pechadas e as estatísticas de galegofalantes en números vermellos. E volvemos confrontar a normalización coas imposicións. A reclamar que se retire o decreto do Plurilingüismo que non fai senón medrar o desapego da lingua nai. 

E un día tamén para desexar que poidamos encher páxinas de xornal coa lingua nai, e valados de publicidade e campos de fútbol e cinemas, etiquetas de viño, certames internacionais sen que haxa unha subvención polo medio. Para pedir que as pontes que se tendan neste 17 de maio, tralos raios do sol e as arelas de viaxar, sirvan para manternos ben ancorados a quen somos. Un país cunha lingua propia para navegar, que non quere deixala á deriva. Un país con dúas linguas para falar e bicar a un tempo. Unha terra rica da que cuxas árbores penduran as froitas e as palabras.

Comentarios