Blog | A lume maino

A carta

Non é tarefa fácil a que lle queda ós Reis Magos neste Nadal

Nin unha consola nin un scalextric. Nin figuras de princesas nin dinosaurios. Nin tabletas, cociniñas, nin puzzles, nin unicornios... Un único agasallo pide Dani na súa carta deste ano ós Reis Magos, unha soa cousa que non se vende nas tendas, nin en Amazon tampouco. Un desexo compartido por milleiros de nenos e nenas -e de maiores- en todo o mundo: "Que se acabe o coronavirus".

Poder volver a xuntarse na casa do avó en Noiteboa e que o colla no colo e o encha de bicos. Sen medo. Ou poder visitar a avoa sen que ninguén lle advirta na porta que non se achegue, que non quite a máscara, que non toque isto ou aquilo. Que el e os seus compañeiros da escola deixen de sentirse unha ameaza. Que na clase poidan facer traballos en equipo e volver compartir o lapis e a merenda. Que cada vez que propón un plan novo non teña que saír a palabra máis repetida do ano a chafalo. Que as noticias falen doutra cousa, que os adultos deixemos de soltar pola boca verbas como pandemia, grupo burbulla ou confinamento. Que deixen de asomar pola tele agullas enormes de posibles vacinas que asustan con só velas.

Correos LaponiaPídeo con toda a forza do seu corazón e o convencemento firme de que a maxia de Oriente pode con calquera furacán que se lle poña por diante. Reclámalles que boten unha man a eses científicos que imaxinamos pegados a un microscopio día e noite para poder saír de novo e tocalo todo sen que haxa ninguén detrás cun bote de xel hidroalcólico. Nesa idade na que un xa ten a mosca trala orella, aférrase a idea de que Melchor, Gaspar e Baltasar poden facer algo para que os parques volvan estar cheos, para que volvamos viaxar a ver ós curmáns, tomar un chocolate con churros nunha tarde fría de outono, ir á piscina ou ó teatro, mesturarse na escola e celebrar aniversarios dos amigos con apertas e xogos nos que uns ás veces caen sobre os outros sen que ninguén se poña nervioso.

Por iso cando esta semana es coitou na radio as declaracións de Carme da Silva asegurando que tanto o Apalpador, coma Papa Noel como as súas Maxestades de Oriente xa se puxeran en contacto co Concello para confirmar que si, que van vir este ano, aínda que sexan estes tempos de pandemia, e malia que non nos poidamos xuntar todos para velos abríronselle os ollos como dúas ventás. Tivo unha idea, ir a pedirllo en persoa, coa máscara de superheroes que garda para os días importantes. Se cadra se desta volta vén o Rei Mago de verdade e non un de pega ó que se lle cae a barba postiza, fai lle caso, debeu de pensar.

Polo de agora el tócalle escribir a carta e a min facer que chegue ó seu destino. Que os Reis recollan o guante e se fagan cargo do que nos están pedindo os máis pequenos: Que freemos a covid. Que espertemos deste pesadelo. El pensa que os Magos son capaces de calquera cousa, e eu estou convencida de que son eles os auténticos súperheroes. Os que mellor cumpren as medidas, os que agardan pacientemente sen cole seis meses, sen fútbol, sen apertas. Os que respectan as distancias e teñen claro que nunha vida máis apegada á terra, sen fume no aire nin plásticos na auga, habería máis paxaros nas árbores, máis vagalumes na terra e máis peixes no mar.

Non é tarefa fácil a que lles queda ós Reis Magos este Nadal. Coa economía tremendo e a saúde pendendo dun fío, coas curvas amedrentando os sentidos, as protestas e as facturas pendentes, as ausencias, as ceas de Nadal incertas e o medo detrás de cada esquina... Andamos tan enredados en sacar adiante o día a día que non miramos ós que veñen detrás e moitas veces eles teñen a clave.

Comentarios