Blog | A lume maino

A miña postal de Nadal

Malia que arroia, decembro vén cargado de historias preciosas 
Praga. EFE
photo_camera Praga. EFE

DECEMBRO É UN un dos meus meses preferidos do ano. Escoitei máis dunha vez que cando un medra acaba aborrecendo o Nadal, devece porque pasen canto antes as reunións familiares e porque se apaguen as luces e a hipocresía que pendura dunha árbore que non arrecende a piñeiro. Dicíannos que o mundo dos adultos está ateigado de Grinchs ou Scrooges golpeados pola vida que nin soportan o son das campaíñas, nin se conmoven coa emoción dun neno que descubre unha sombra baixo da porta na noite de Reis. E non sei se é que aínda non medrei o suficiente ou que xa tomei demasiado azucre nestes días porque acontece que, malia as ausencias e as malas noticias, decembro voa diante dos meus ollos a velocidade de vertixe e eu gozo de saborealo coma un anaquiño de turrón de chocolate que se derrete na lingua.

Resulta que, malia que arroia, que vén o inverno nun tren de borrascas, de súpeto amence un xoves de decembro cun ceo como un lienzo azul alumado no que as nubes pintan unha carreira de diplodocus de longuísimos pescopreciosas zos, con trazos brancos que se ían esvaecendo. E quedas mirando para o ceo embobado cun pequeno da man durante uns minutos antes de ir á escola correndo para non chegar tarde.

E resulta que días antes de Noiteboa descubres que aínda chegan postais de Nadal ateigadas de boas intencións. Algunhas en papel. E aínda que as máis delas adoitan ser dunha marca que acompaña á súa publicidade cos seus mellores desexos, sempre atopas unha especial, escrita a man e no que figura un retrato teu en cores brillantes, ó carón dun home gordo e unha estrela que se chama Rosalía. Eu colecciónaas. Gárdoas nunha carpeta para que algún día dentro de milleiros de anos poida dar con elas de novo como quen atopa un gran tesouro.

Logo están as outras postais, as que se envían cunha mensaxe viral, cun gif de Nadal, as dedicatorias dos amigos que brindan xuntos, ou aparecen agochadas nun caixón coma unha mensaxe secreta. Onte recibín unha máis dunha amiga que converteu isto de enviar postais nunha verdadeira arte literaria. A Gloria nótaselle a profesión, xornalista, porque escolle historias moi valiosas e as envolve en palabras coidadas e preciosas. Desta vez elixiu o relato de superación dunha familia que asumiu o reto de dar a volta a Galicia (1320 kilómetros, en 17 días) para agasallar no Nadal. "Víctor Loira, diagnosticado de Crohn, hizo el recorrido en bicicleta y patinete. En su equipo de apoyo estaban muchos amigos, Tita García, su mujer, y sus hijos Cintia y Aarón", describe. "Una historia de superación que Víctor resume en tres consejos ‘De cosas pequeñas, hay que hacer cosas grandes; de pequeños proyectos, grandes proyectos y de enfermedades malas, hacer días buenos", engade a miña amiga (...)

A miña postal deste ano vai escrita en papel de xornal. Ten, iso si, todas as cores do arco da vella, sen excepción. E está especialmente pensada para aqueles que se encargan de espertar a ilusión, de enviar bos desexos. Para os que cren na amizade, con maiúsculas e os que se deteñen a observar quen camiña o seu lado. Pero tamén para os que senten que a árbore de Nadal aínda arrecende a piñeiro e de cando en vez, malia que chova, son capaces de ver dinosaurios correndo polo ceo.