Blog | A lume maino

Algo máis que xestos

CANDO ZAPATERO chegou ó Goberno, en abril de 2004, a primeira decisión política que tomou foi a retirada das tropas que se atopaban despregadas en Irak. Tardou un día en dar a orde arrodeado de cámaras, desde que entrou na Moncloa, o que seica lle outorgou máis solemnidade a unha promesa de ollos azuis que abandeirara a súa carreira electoral, e a unhas palabras que os seus votantes agardaban como auga de maio. Un xesto cara os seus que deixaría entrever outros movementos que marcarían os seus primeiros anos de Goberno.

O Papa Francisco, ós poucos días de ter sido elixido pontífice, en marzo de 2013, fixo algo que significaría ó novo tempo iniciado pola Igrexa Católica con Bergoglio á cabeza. Facendo gala dunha humildade que aínda hoxe resulta paradóxica ó que representa o Vaticano, baixou do papamóbil co seu solideo branco para saudar persoalmente a un sacerdote arxentino e máis a un grupo de nenos. Non sería a única vez. O líder dos católicos busca a cercanía e sacúdese a austeridade ó tempo que descubre unha predilección polos pobres e tamén recorre ó sentido do humor en moitas intervencións, o que está a salientar o seu Pontificado.

Algúns economistas aseguran que a primeira ministra británica, Theresa May, vai de farol cando asegura con firmeza sobre os seus elegantes kitten heels de leopardo que a saída do Reino Unido será limpa e radical e non dubidará en controlar totalmente as fronteiras e o mercado. A sucesora de Cameron en Downing Street aproveita cada ocasión para reafirmar a súa férrea defensa á total saída da UE elixindo cada palabra, pronunciada con vehemencia, sobriedade e dureza cara fóra, e deixando entrever certa templanza cara os seus, cun estilo propio que a levará axiña á portada da revista Vogue, facendo gala da súa afección á moda. Son xestos. Decisións que debuxan símbolos.

Algúns estudados, forman parte dunha sorte de plan de marketing para ir construíndo a lenda de cada personaxe. O contido e tamén as formas. A maneira de abrir as mans ó dirixirse ó seu público, o dominio das pausas... Todo forma parte dun plan estratexicamente trazado por un grupo de asesores que non deixan nada ó azar. Outros movementos, sen embargo, son espontáneos, forman parte da personalidade de cada un, e por moito que un estea á espreita, remata por saír á luz. Unha caída de ollos. Un micrófono aberto. Un tropiezo. Un sorriso sincero. Todo suma.

Os oito anos de Goberno de Barack Obama están ateigados deles. As imaxes que estes días circulan polas redes sociais feitas polo fotógrafo oficial da Casa Branca así o demostran. Un cruce de olladas cómplices con Michelle, os risos cuns nenos que visitan o despacho oval, un brazo por enriba do ombro da súa filla, unha bágoa inoportuna... que converten nun ser de carne e óso con emocións e imperfeccións a todo un líder mundial.

E chegamos a Donald Trump. Caricatura de si mesmo. Bandeira da homofobia e machismo a partes iguais. Dúas estampas bulen estes días polas redes sociais diferenciando a Obama de Trump. Na primeira delas, tomada oito anos atrás, Barack e Michelle son recibidos na Casa Branca polo matrimonio Bush. El sae primeiro do coche oficial. Agarda pola súa muller, que leva un agasallo para Laura, e xuntos enfilan as escaleiras da que sería a súa residencia oficial nos seguintes anos. Na segunda, un sobreactuado Trump baixa do coche oficial e se dirixe ó matrimonio Obama que ós agarda ó final das escaleiras. A súa muller, Melania, tamén baixa do coche e sube as escaleiras, pero queda atrás. El nin se decata. Obama esténdelle a man para incorporala ó saúdo e ás fotos oficiais. Non é máis que un xesto. Pero tan significativo como a básica resposta de 140 caracteres que o novo líder mundial deu á manifestación feminista máis multitudinaria de todos os tempos.

Trump ignora ás mulleres. Non hai lugar para elas na súa orde mundial. Probablemente estará a rir de todas as que empuñan a loita feminista, mentres prepara a súa ofensiva contra elas, ou contra o mundo enteiro. Non cabe esperar nada bo. Non só non dubidou en amosar o seu desprezo pola comunidade hispana ó longo de toda a campaña electoral americana, senón que unha das súas primeiras decisións xa como presidente foi eliminar o español da web oficial. O idioma de 28 millóns de habitantes no país que dirixe. Son xestos. Tan reveladores como cuestionables e nalgúns casos temibles. E isto non fixo máis que empezar.

Comentarios