domingo. 23.01.2022 |
El tiempo
domingo. 23.01.2022
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Amar a paisaxe

Atardecer desde la Ría de Pontevedra. RAFA FARIÑA
Atardecer desde la Ría de Pontevedra. RAFA FARIÑA

DI O arquitecto pontevedrés César Portela que cando un merca unha casa adquire tamén a paisaxe que se ve desde as súas ventás. Por iso un non pode facer o que lle dá a gana na cara exterior da súa vivienda, nin mudar ao seu antollo a contorna. Non podería tirar as Palmeiras ou derrubar un edificio histórico ou pintar a fachada de turquesa, porque dalgunha maneira todo iso pertence á paisaxe colectiva. De aí o patrimonio protexido e os plans BIC, a razón de ser do ordenamento urbano e o xermolo daquelas normas do hábitat que asinara no Bipartito a tamén arquitecta e entón conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, e que perseguían mellorar a calidade de vida desde os fogares, por dentro pero tamén por fóra.

Cando cheguei a Pontevedra namorei dun balcón que asomaba á ría. Tralos muros de pedra que custodiaban aquela casa, á beira da PO-308, e grazas a unha curva indiscreta, alcanzaba a ver aquela terraza voando literalmente sobre o mar. Pensei que alí sentada, envolvida polo azul e coa brisa asubiándoche na fronte tiñan que se escribir as palabras máis marabillosas. A casa non parecía nin máis grande nin máis pequena que calquera outra, nin o seu deseño era o máis espectacular, nin sequera moderno, pero cando un ten o Atlántico como lenzo que preside o salón da casa tampouco precisa moito máis.

Nos soños de mocidade vinme nunha casa arrolada polo rumor do mar. Por iso agora, cando son consciente de que en realidade non posúo nada máis (e nada menos) que unha vida que aluman tres soles e a ilusión de disfrutala mentres poida, saio cos meus pequenos á captura de abrentes e solpores neste recuncho no que nacemos onde abundan as paisaxes que inspiran e dan vida. Por iso non concibo as paredes de ladrillo na liña de costa, nin as cancelas e as mansións que medran nos cantís, porque creo que todos deberiamos sentir a beleza, a vertixe de mergullar a ollada mar aberto.

Custodiar a paisaxe é tamén unha cuestión de liberdade e de sostibilidade, unha aposta polo medio ambiente e a diversidade dos ecosistemas. Aquí aínda non nos preocupa moito porque o campo tígunese de verdes tan distintos como xeitos temos de nomear a chuvia, aínda estamos lonxe do deserto. Porque temos unhas paisaxes de outono acendidas, renxentes e solleiras. Porque no inverno ata a néboa pinta cadros que zumegan beleza terra adentro.

Coidar a paisaxe é unha cuestión de liberdade e sostibilidade

Se coidamos das especies en perigo de extinción, catalogamos as árbores senlleiras e miramos pola singularidade dos nosos parques nacionais, protexer a paisaxe das mans que ansían parcelar o luscofusco ou poñerlle prezo á airexa mariña, do feísmo e do libre albedrío tamén debería ser unha prioridade.

Medrar non pode ser incompatible con preservar a riqueza natural e a saúde da nosa contorna. "Á paisaxe galega o que lle falta é amor e sentido da comunidade", advertiu anos atrás a exdirectora da Escola Galega da Paisaxe e premio Nacional de Arquitectura Isabel Aguire.

E é certo. Preservar a paisaxe non só implica repoboar un terreo arrasado polo lume, ou multar a quen contamina, ou limpar as marxes dun río. Trátase de coidar unha maneira de relacionarse co territorio, de entendela, de respectar a cultura a través dela. De gardar un tesouro común. É ó mesmo tempo, dun xesto tan íntimo como escoitar a fala das ondas a bater na terra, nese instante no que o sol empeza a afundir no mar, cando a piques de morrer aínda loita por deixar a súa pegada na rubién tralas illas Atlánticas no último atardecer do ano.

Amar a paisaxe
Comentarios