Blog | A lume maino

Apuntando á lúa

A xeracións máis preparadas seguen reiniciando a súa historia
La luna. EFE
photo_camera La luna. EFE

ENTENDÍA as súas arelas por iniciar o voo, rumbo á estación dos seus soños. Foi quince anos, varios nenos e moreas de viaxes atrás. Daquela, como a moitos rapaces e rapazas que estreaban a vintena, podíanlle as ganas por arrincar a raíz do niño que abeiraba -e apertaba- as súas ás. Tiña présa por subir a un tren cuxo eco xa apenas se escoita desde esta década. Seica devecía por sentar nun vagón que a levara a coñecer o seu destino.

Ás portas da súa aventura, dediqueille unhas palabras para que as levara canda ela a milleiros de quilómetros de distancia. Dixéralle que xamais se me ocorrería pecharlle as portas, nin soterrar os seus pés para que non botara a voar, aínda que en máis dunha ocasión estivera tentada a facelo. E sobre todo repetíralle que antes de partir preparara a conciencia a súa maleta, que empregase a fondo o tempo que lle ardía nas mans para organizar a súa viaxe e que non esquecese levar sempre canda ela un libro, unha fotografía e un puñado de terra, para así regresar a casa sempre que o precisase simplemente pechando os ollos.

Que sorte a miña. Lembro que eu tamén collín aquel tren nun domingo de outubro, sen máis equipaxe que un papel e un lapis co que escribir as primeiras liñas do resto da miña vida e unha maleta ateigada de ilusión e cadernos en branco. Cría que voaba lonxe malia estar a poucas horas da casa, pero era a primeira vez que saía soa e facíao detrás dos meus soños.

Non todas as xeracións que viñeron despois tiveron as mesmas oportunidades á hora de saír na procura dos seus. De feito, algúns dos rapaces máis preparados da historia seguen reiniciando a súa traxectoria, reinventándose unha e outra vez, sorteando as pantasmas da precariedade e a inestabilidade laboral para construír a súa vida.

Coñezo a un rapaz que hoxe empeza de novo. Xa pasa dos trinta, malia que eu o siga chamando con diminutivo e tratando de protexer como cando nos convertiamos en piratas e conquistabamos os mares desde unha bañeira sen auga, ou como cando o descubrín facendo algunha trasnada propia da adolescencia, ou como cando lle tratabamos de ocultar os días máis crus, crendo que non se decataba.

Hoxe emprende unha nova aventura, non sen vertixe, e sospeito que cunha danza de bolboretas das que espertan no estómago os novos retos, pero tamén a pantasma do fracaso e a da morriña. Intúo que marcha convencido de que é o que máis lle convén, malia que sinta que deixa o seu lugar atrás. Súmase a toda esa listaxe de mozos e mozas máis que preparados que espallan o seu talento polo mundo adiante, que queren medrar e non paran ata que o conseguen. A mesma xeración que retrasa a maternidade porque nin gana o suficiente para independizarse nin ten garantías de poder dar un futuro ós seus fillos, se é que os ten.

Volve empezar coa convicción de que non será a última vez que o faga, e malia que grazas ás novas tecnoloxías as distancias son moito máis curtas que hai quince anos, o certo é que a súa odisea deixa un pouso de inquedanza nesta terra nosa, tan nai e tan acolledora, por toda a mocidade que ve despedirse porque segue sen ter un horizonte claro neste recuncho do oeste.

Díxenllo antes a ela e agora a el, que unha vez teña pechada a súa maleta inice a súa conquista, con paso firme e ilusión de neno. Que non deixe de soñar nunca e de loitar por facer realidade os seus soños, cun pé sempre posto na terra, unha pá nunha man e a outra apuntando á lúa.

Comentarios