Blog | A lume maino

Combater o medo

Curso de autodefensa feminina. DAVID FREIRE
photo_camera Curso de autodefensa feminina. DAVID FREIRE

HAI UNHA semana duascentas mulleres déronse cita no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Impartíase un curso de autodefensa. Alí coincidiron grupos de amigas de todas as idades, nais con fillas, mulleres soas, avoas... Algunhas porque sufriron algún tipo de agresión ou maltrato nun momento determinado das súas vidas e outras para aprender a protexerse. Durante unha mañá atenderon ás indicacións de dez instrutores para saber como encarar situacións de risco, e que facer en caso de verse en perigo. Tan só unhas nocións básicas para saber como actuar de vérense acosadas.

As participantes seguiron ós exercicios propostos na aula e logo emularon distintas situacións representando o rol de agresor e de posible vítima. Houbo risos, regueiros de sororidade e un denominador común: baixo os golpes simulados subxacía o medo. Medo a camiñar soas por unha rúa pola noite, medo a sentirse intimidadas. Medo a que alguén non se conforme cun "Non". Medo a atoparse outro caso de agresión sexual múltiple na crónica de sucesos. A seguir contando de semana en semana o número de mulleres asasinadas polo que algúns se empeñan en chamar amor. A acabar enredándose no labirinto do maltrato sen decatarse.

Chama a atención a cantidade de persoas que senten a necesidade de autoprotexerse. Mulleres dispostas a empoderarse e a encarar as situacións máis terribles para non converterse en vítimas, co medo facéndolles un nó na gorxa, pero decididas facer todo o que estea na súa man para mudar o rol. Por elas e as súas fillas.

Eu boto en falta outro tipo de cursos. Accións formativas para pais e nais, que saiban como guiar ós seus fillos no complicado mundo das relacións persoais en tempos de Internet. Obradoiros sobre os bos usos das redes, un mar sen cancelas onde navegan todo tipo de contidos lesivos para unha cabeciña a medio cociñar.

Boto en falta que se organicen clases de educación sexual e afectiva nos centros escolares como parte do currículo e non que quede ó compromiso dos mestres. Que se fale máis ós pequenos e pequenas dos perigos do amor romántico, de que isto non vai de princesas e superheroes que van na procura delas para facelas felices para sempre. Do valor da confianza fronte ós ciumes, do respecto ó outro ou outra, do diálogo fronte á violencia. Da importancia da intimidade e os afectos.

Que se achegue ós adolescentes outro mito: o da muller sometida. Que teñan a oportunidade de escoitar de boca dunha persoa que foi obxecto de trata, como sendo rapaza foi enganada para viaxar a outro país coa promesa dun traballo, e que foi explotada sexualmente durante parte da súa mocidade. Que os leven ó teatro a ver a adaptación de Invisibles, por exemplo, para que se poñan na pel dunha moza asediada polos insultos e os golpes ou todo xunto. A empatía.

Por que non uns obradoiros abertos ó público nos que se ensine de que vai a coeducación, a igualdade dentro e fóra das aulas. E que é iso da corresponsabilidade nos fogares. A solidaridade co que sofre. Por que non unha actividade que amose os sentidos máis alá dunha pantalla. Que demostre que os bicos non soan tan ben nun emoji cun corazón como cando estoupan agarimosos na pel.

Coido que cando tantas persoas se senten indefensas ante o sistema, algo falla. E para combater o medo desta sociedade non sobran os cursos de autodefensa, pero falta moita educación e, chámenme ilusa, pero cómpre menos violencia e máis amor.

Comentarios