miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Como nenos

NAS ÚLTIMAS semanas moitos fogares convertéronse nun híbrido entre unha oficina e un colexio. Tamén o meu. Nais e fillos aprendemos a reinventar espazos, pasando máis tempo xuntos que nunca e tratando de que non caia o castelo de naipes de cada día entre a plataforma escolar, as reunións virtuais, os deberes, a cociña... Se a vida xa se movía antes como un tren de alta velocidade, durante este estado de alarma, para os que tratamos de compaxinar o teletraballo co cole aínda bule máis, só que agora o fai entre o cuarto e o salón. 

Escoitei a máis dun psicólogo falar de aproveitar o aillamento para facer cousas que outrora non poderiamos. Para saborear a calma (calma?), para reflexionar sobre a vida que levabamos antes do encerro e atoparnos con nós mesmos. Sei que o mellor é encarar esta crise con espírito positivo, gozando de cada minuto coas crianzas e facendo unha chea de actividades distintas... pero a min non me daban antes as horas e non me dan agora tampouco. Camiño polo corredor da casa como unha aspirante a mestra que anda ás cegas polo fascinante mundo da educación. E a miña clase é un aula un tanto caótica con tres pequenos de idades diferentes que demandan atención constante. Entre sumas, oracións subordinadas e gomets onte descubrín o grande que me vai o traxe de profe. 

Confeso que non teño paciencia nin horas para traballar exclusivamente con eles. Logo están os grupos de whatsapp polos que entra tal cantidade de propostas que é imposible atender a todo: o circo do sol, unha visita virtual ó Museo. Ioga, zumba... Que unha se pregunta canto tempo levamos confinados para ter xa tal cantidade de actividades pendentes. 

Isto das clases a distancia varía moito duns profes a outros. Dunha banda, están aqueles que envían toneladas de materia para que os pequenos fagan na casa e poñen prazos de entrega, pero semella que ignoran que aí fóra hai unha pandemia mundial que mantén ós rapaces afastados dos seus avós e dos seus amigos, do patio, da vida tal e como a coñecen. Logo están aqueles que se afanan en chegar á cativada, os que lles preguntan cada mañá como están, gravan bicos e lles fan chegar propostas divertidas a fin de que os nenos saiban que eles, tan importantes nas súas pequenas vidas, siguen aí. 

Fronte a obsesión por adiantar asignaturas, eu quedo con quen considera que deberiamos adaptar o currículo á realidade, non a realidade ó currículo, como di o profesor César Bona. 

Cada vez que titubeo nas cuestións de Educación consulto coas miñas mestras de cabeceira. Elas dinme que bote o freo, que está moi ben manter os hábitos de traballo, pero que é máis importante que non me canse de xogar con eles, que falemos do que acontece e os escoite. Que trate de poñer os seus zapatos miúdos e entenda que tampouco para eles é doado esta vida conxelada. E que, cando pase todo, lembraremos os aplausos da ventá, a ximnasia no salón, a nosa particular versión do Resistiré, as merendas xuntos... ó fin, como viviron e superaron o confinamento e como nos axudaron a nós a facelo.

Como nenos
Comentarios