sábado. 14.12.2019 |
El tiempo
sábado. 14.12.2019
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

O fútbol segue sendo así

La selección española de fútbol, durante el entrenamiento hace unos días. CABALAR (EFE)
La selección española de fútbol, durante el entrenamiento hace unos días. CABALAR (EFE)

Ben porque o meu pai me contaxiara a súa paixón polo fútbol, ben porque en verdade me encantaba correr tralo balón, houbo un tempo no que quixen ser futbolista. Unha das imaxes dos veráns daqueles anos devólveme ás praias da Mariña luguesa, tan xenerosas que coa marea baixa descubrían enormes campos de area mollada e firme, ideais para botar unha ‘pachanga’ entre amigos. Sempre xogaban pais e fillos. Algunhas veces deixábannos participar ás rapazas e eu esforzábame por quitarlle o balón ó capitán do equipo contrario.

Trataba de conxugar todas as miñas habelencias para facerlle un cano e roubarlle o esférico, subir pola banda co meu corpo miúdo, esquivando ós rapaces para marcar gol e demostrarlles a todos que podía ser tan boa como calquera deles. Sei que nunca me tomaron en serio. No colexio, o profesorado nin sequera nos deixaba subir ó patio grande durante o recreo. As porterías erguíanse sobre os nosos sete, oito... anos como postes inalcanzables e o campo de cemento antollábase tan estenso coma un estadio de Primeira. Non era para nenas, dicían. Quedaba reservado para que eles xogasen ó fútbol.

Hoxe xa non é así, afortunadamente. As rapazas conseguiron facerse un oco no fútbol á hora do recreo, nas actividades extraescolares e nalgúns clubes deportivos. A base de ir derrubando pequenos muros, hoxe temos as nosas fillas en equipos locais e as futbolistas da casa na elite mundial. Vero Boquete ou Teresa Abelleira son só dúas das referentes para as xeracións que veñen dando patadas e que hoxe vén cómo se camiña cara unha Eurocopa.

Os equipos nacionais comezaron a encher estadios e incluso a resultar atractivos para as marcas que invisten milleiros de euros en publicidade. Máis de 60.000 persoas ateigaron o Wanda Metropolitano no pasado marzo cun Atleti de Madrid-Barça protagonizado por xogadoras de primeiro nivel. Neste mesmo ano, en xaneiro, máis de 48.000 seareiros pagaron cadansúa entrada en San Mamés para ver ó Atlhetic de Bilbao fronte o Atlético de Madrid, demostrando que elas, se as deixan, tamén son protagonistas nos estadios importantes.

Pero aínda non é suficiente. Non cando as futbolistas de primeira división carecen dun convenio colectivo que regule os seus dereitos laborais. Non cando un 49% das mulleres futbolistas de elite non cobran un soldo e un 31% gaña menos de 500 euros ó mes, segundo datos da Asociación de Futbolistas Españolas. As máis das veces elas teñen contratos de media xornada ou por horas. E moitas non chegan a fin de mes.

A futbolista mellor pagada do mundo percibe 400.000 € ó ano

A fenda de xénero no fútbol é tan abismal, que mentres o equipo gañador da Liga Santander leva preto de 20 millóns de euros, o que lidera a táboa da Liga Iberdrola reparte 1.300 euros. Outro dato curioso: a futbolista mellor pagada do planeta percibe arredor de 400.000 euros ó ano, moi lonxe das cifras multimillonarias que amasan estrelas como Messi ou Cristiano, que superan os 100 millóns anuais. Claro que aínda falta para que todo o mundo coñeza o nome de Ada Hegerberg, saiba que é noruega e xoga de dianteira no Olympique de Lyon (Francia).

Así que non, aínda queda moito que correr para conquistar o espazo do recreo. Di Boquete que a discriminación no fútbol é reflexo da sociedade. Aquí o cambio pasa por desbloquear un convenio colectivo que as considere profesionais, por mudar o modelo e abrilo ás grandes competicións como a Womens Champions League. E xa de paso por ter en conta o pequeno detalle de aplicar a Lei de Igualdade.

O fútbol segue sendo así