Blog | A lume maino

Insoportable

"Fronte á violencia traballo e máis traballo.Fronte á desigualdade e o machismo: educación, educación e educación"

NON hai silencio que o resista. A vida non pode seguir coma se nada, cando contas seis, máis tres, rapazas, nenas asasinadas, vítimas do odio contra a muller en tan só unhas semanas. Saír ás rúas, alzar as mans brancas, berrar outra vez que xa basta… non abonda. É hora de insistir, de non calar. De lexislar contra a violencia machista, polo respecto á vida e á liberdade das persoas, pola igualdade entre os xéneros con máis contudencia e esperanza que nunca. Traballar pola educación desde o berce ata a universidade, co acento posto nos dereitos humanos.

Hai que moverse, aproveitar o golpe que veñen de sufrir os nosos corazóns, doentes coronavirus, para darlle un pulo a isto e revolvernos contra a pandemia do machismo. E traballar arreo, que xa vamos contrarreloxo. Podemos empezar por reducir o volume de odio en todos os foros posibles. Nos platós de televisión que viven de denigrar a personaxes, de sacudir os seus trapos suxos ata que xa non quede nada da súa dignidade que amosar. No Congreso, na casa de todos, onde a crispación e a radicalización do discurso contribúen a normalizar o insulto, dos que establecen o odio como canle de comunicación. Nas redes, cada un desde a responsabilidade individual, poñer a máscara contra o virus do odio tamén é denunciar as amenazas. Tolerancia cero a calquera tipo de agresión. Pódese (e débese) debater, confrontar, esculcar as palabras os feitos, a fin de aprender e mellorar, pero desde o respecto, sempre.

Porque hai liñas que non se deberían cruzar nunca.

Hoxe escribimos desde a incomprensión, a desolación e o terror por uns feitos que non nos encaixan no puzzle da humanidade, cunha dor na alma que nin somos quen de imaxinar. Pensamos nesa nai destruída, nunha familia e noutra e noutra máis, nun país ferido polo asasinato de dúas nenas a mans do seu pai, dunha rapaza nova, nai, á que o seu exmozo lle quitou a vida. Porque eran libres. A expresión máis extrema do machismo déixanos capítulos negros insoportables. E de novo non podemos quedar caladas. Fronte á violencia, traballo e máis traballo.

Fronte á desigualdade e o machismo: educación, educación e educación. Debémosllelo ás xeracións que se están a colocar na liña de saída do seu futuro; as nosas antecesoras, que fixeron parte do camiño para que nós puidésemos ser quen queremos ser. Debémosllelo ás nosas nenas e nenos.

Comentarios