Blog | A lume maino

Insuficiente

Unha alumna nunha aula. DAVID FREIRE
photo_camera Unha alumna nunha aula. DAVID FREIRE

AÍNDA NON sei moi ben que sentido ten que nas últimas semanas de maio a rapazada dos institutos bulira de exame en exame, coma quen teme perder o tren, apurando os temas e diluíndose entre os apuntes nas fins de semana, para só días despois non ter practicamente nada que facer nas horas lectivas. Pasalas no patio ou de brazos cruzados.

Algúns profesores, coido que os mesmos que botaron os restos durante a pandemia, os que son capaces de motivar ata o último rapaz da última fila, adiantan materia, organizan xogos para repasar contidos ou animan ao alumnado a subir nota. Os máis deles adicáronse á mocidade que tiña que recuperar antes do verán, como a unha sorte de cadea de montaxe de futuros traballadores que deixa atrás ao estudante que non segue o ritmo, tanto ten se non quere, non pode ou non sabe o que quere.

Eu tamén tiven profesores que soltaban o temario coma un paxaro ao aire e ata máis ver, e outros capaces de fascinar, de espertar a curiosidade, de facer que prendera en nós a vocación polo que ensinaban. Non me gusta este sistema que crea distancias, que obriga aos mozos a permanecer na clase malia que non amosen interese, pero que non trata de namoralos. Esquecemos que os educadores traballan coas xeracións que nos dirixirán mañá, persoíñas en transformación, sensibles e cheas de dúbidas, á procura deles mesmos e do seu camiño.

Comentarios