Blog | A lume maino

Invisibles, entre bambolinas

O xoves é a estrea teatral baseada no libro de Montse Fajardo. Algunhas das protagonistas reais da historia asistiron ó ensaio xeral

Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez nun dos ensaios de Invisibles. CEDIDA
photo_camera Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez nun dos ensaios de Invisibles. CEDIDA

ANTES DE saír cara o ensaio comparten un café para entrar en calor. No auditorio de Catoira non hai calefacción. Durante a semana está tan baleiro que o frío asoma entre bambolinas, cóase entre as butacas e sobe ata o escenario. Na primeira ringleira de cadeiras, un monte de mantas que a directora de Invisibles, Marián Bañobre, ofrece ás convidadas desa mañá para que asistan ó ensaio xeral ben protexidas.

O ensaio do pasado venres foi diferente. As tres protagonistas da obra de teatro Invisibles, baseada no libro do mesmo título que escribiu Montse Fajardo, Mela Casal, Nieves Rodríguez e Sheyla Fariña, agardaban polas protagonistas reais das sete historias que recolle a xornalista vilagarciá no libro ou alomenos algunha delas, das que viven para contar o seu relato da violencia machista e familiares das que xa non están.

O recibimento que fai o equipo non pode ser máis agarimoso. Míranas ós ollos, apértanse as mans. Escóitanas. A emoción palpita no ambiente e os nervios sentan no patio de butacas. A unha das asistentes preocúpalle que vai sentir cando vexa reflectida a historia da súa amiga, asasinada pola súa parella. Irene teme revivir a súa historia, ou non verse identificada. Agarra ben a man de Montse no intre no que Nieves se adentra no personaxe.

A voz e os xestos de Mela. A forza do rostro de Nieves. A paixón de Sheyla. Van dun lado ó outro das táboas, mudando de personaxe con pequenos movementos da escenografía. Van cambiando a perspectiva e ofrecendo ó espectador todas as perspectivas posibles. Mergullándoo na realidade da convivencia co maltrato.

Non hai golpes. De feito, nin sequera se representa a ningún home. Pero están as cicatrices. A dor. E o riso máis acedo. A ironía. Están os prexuízos, a soga invisible que ata vítima e verdugo, e bailan sobre o escenario o mito do amor romántico, as inseguridades e os ciumes, e a violencia das palabras. Falan desde distintos formatos. Na imaxe. Sobre o papel. Na propia pel. Nas olladas tan intensas que por momentos atravesan as paredes do auditorio.

Na platea aprétanse os puños. Caen algunhas bágoas, escóitanse algúns marmurios. "Podo aplaudir?", pregunta alguén logo dun dos intensos monólogos que deixan sen alento.

Nun intre da función, marcha a luz e as tres actrices agardan sobre o escenario. Nieves colle unha das mantas e colócalla a Sheyla nos ombros. Por dúas veces o temporal que a semana pasada azotou ás Rías Baixas deixa a obra ás escuras. Obriga a parar a escena, as tres actrices saen do corpo das protagonistas e baixan das táboas para reencontrarse cos seus personaxes. Míranas coma para ver se están feridas e atopan palabras cómplices. Intercambian algunhas impresións e escrutan cada movemento. Cando a luz volve e a función segue, as tres mergúllanse de novo nas cadeas que mantiveron presas ás protagonistas.

Seguen ata o final. Sosteñen cunha profesionalidade maxistral a escena e os textos delicados. Só coas luces de emerxencia, sen focos nin música, chegan ata o último punto e seguido do texto, e colleitan os aplausos do seu público, hoxe reducido e delicado, pero tan esixente, tan de verdade.

Ó remate voan os abrazos. Arroia a sororidade. Na rolda de prensa posterior, a directora desfaise en eloxios ó seu elenco. Non é para menos. Porque logran pasar dun personaxe a outro só cunha chiscadela de ollos, de transmitir o medo e a esperanza, a soidade, a culpa... descritas no seu día polas vítimas e recollidas por Montse no seu libro con sensibilidade e verdade. "Aínda se me pon a pel de galiña cando penso que o xoves vai ser a estrea, que isto é real", di a máis nova do elenco.

Este xoves ás nove érguese o pano de Invisibles no Teatro Principal de Pontevedra. Algunhas das protagonistas volverán sentar no patio de butacas, outras tamén, pero aínda non o saben.

Comentarios