sábado. 07.12.2019 |
El tiempo
sábado. 07.12.2019
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Luces e sombras

"Velaquí o meu segredo, que non pode ser máis simple: Só co corazón pódese ver ben; o esencial é invisible para os ollos"
[O Principiño, Saint-Exupéry]

Aceptémolo. Vivimos na época do consumo, na que cada efeméride ten a súa excusa comercial, nun tempo volátil no que milleiros de persoas son quen de facer cola ás portas dunha nova tenda aínda que chova, antes que participar nunha manifestación baixo o paraugas pola sanidade pública ou contra a violencia machista. No que todos os días nos chegan imaxes de cousas novas, preciosas e marabillosas, que non sabemos para que serven nin sabemos que as precisamos, porque probablemente non as precisemos máis que ese minuto no que se obtén o pracer de posuílo.

Son estes tempos de ter, canto máis mellor. Tempos de obsolescencia programada e satisfacción instantánea. E é esta a época na que todo entra polos ollos: imaxes de mulleres fabulosas capaces de vender o inimaxinable; cidades engalanadas con árbores xigantes luminosas, escaparates de purpurina e ouro, e ata campañas electorais con candidatos feitos a medida, de estilo casual ou elegante, con másteres e promesas que lles penduran dos currículos e os sorrisos coma luceciñas de Nadal.

E nesta época do efímero, na que as noticias morren antes de chegar ó quiosco, na que mudamos as artes e a filosofía pola economía e o márketing, e os acontecementos, os desexos e ata os agasallos perden valor desde o momento en que se desnudan ante nós, os cidadáns, convertidos en meros consumidores, somos máis vulnerables que nunca. Somos coñecedores dos nosos dereitos, pero non de que facer cando se incumpren.

Organicei o aniversario da miña nena cun mes de antelación. Eu, que son de apuralo todo ata o último momento, nese afán que temos hoxe os novos pais e nais de ser pais e nais perfectas, e de que ós nenos non lles falte de nada, e nesa maneira absurda de equivocar as prioridades, un mes antes reservei un espazo para celebrar unha bonita festa con toda a parafernalia de serie da que un día prometín que nunca participaría.

A realidade é que só quería un día especial para a pequena. Que soprase as velas rodeada dos seus amiguiños. Como faciamos nós alá polos oitenta, con bocadillos de nocilla e música de Parchís. Quería grabar a súa ledicia mentres lle cantaban ‘Parabéns para ti’. Así que contratei en tempo e forma o servizo dunha empresa local desas que inclúe todo a tanto por convidado. E en mala hora elixín. Foi todo un cúmulo de despropósitos. Primeiro, porque localizar á propietaria na semana anterior á celebración para pechar os detalles xa foi misión case imposible. Cando por fin dei falado con ela comentou de pasada que estaban cambiando a xerencia da empresiña, pero asegurou que todo seguía igual que sempre. O mesmo servizo, a mesma calidade e, por suposto, o mesmo prezo. Sen embargo, ó chegar demos cun cartel de ‘Pechado por obras’ no nariz e dúas persoas ó fronte do tinglado, cargadas de boas intencións, si, pero cunha situación que lles escapaba das mans. Aínda así deron conta do asunto e trataron de facer unha festa coa que contentar máis ós pais que ós pequenos. Pero para traballar con cativos un sorriso e unha présa de boas intencións non son suficientes.

Non me enredarei nos detalles, aínda que a capa de mofo verde sobre uns restos de chocolate pegados a unha tarteira que se descolgaba polo fregadeiro da cociña ben o merecía. Coa propietaria do negocio desaparecida e os traballadores desbordados, os familiares da homenaxeada decidimos quedar alí, sen perder detalle e ata participando nos xogos. Ó final os nenos pasárono en grande e todo saldouse cunha desculpa e un desconto nunha factura aínda inexistente, ademais dunha afonía misteriosa que só desapareceu cando os nenos volveron sans e salvos a cadansúa casa.

A historia non remata aí. Ó día seguinte unha amiga descubriu estupefacta que un fotógrafo co que coincidiramos nunha cea oito ou dez anos atrás anda a vender fotografías súas nun banco de imaxes doutro país. Así, por casualidade, pola cara e sen permiso emprega a súa imaxe para publicitar un local da súa cidade.

A fin de empezar a semana cun sabor máis doce onte decidín comprar unha tableta do meu turrón de chocolate preferido, por esa necesidade de comer turrón que xorde sempre ás portas de decembro, e porque ademais mantén o mesmo prezo de hai dous anos. Pero cando levei un anaco á boca descubrín o pastel. A tableta menguara. Agora é máis estreita. Daquela, entroume unha angustia terrible. Sentín que ía quedar sen voz para sempre, atrapada nunha eterna festa de aniversario ou nunha páxina de Internet inmortalizada cunha tapa de polbo á feira entre as mans.

E entroume a dúbida. Como ensinar a camiñar ós nosos nenos cando nós mesmos damos pasos en falso. Como protexelos da sociedade feroz que acecha se estamos arrodeados de trampas. Como facer que non os deslumbren as luces de cores e poidan ver o que hai detrás. Como lles facemos entender que o mellor dunha festa de aniversario son as apertas dos amigos e os risos con eles. Ou que o mellor do Nadal non é a árbore chea de regalos o día 25, senón a cea en familia na noite anterior. Coido que primeiro vou ter que asumilo, pasar pola oficina do Consumidor e rematar de escribir esta columna rápido para chegar a tempo de ler ós nenos un anaco antes de durmir.

Luces e sombras
Comentarios