Blog | A lume maino

Máis que palabras

Manifestación a prol da lingua galega. AGN
photo_camera Manifestación a prol da lingua galega. AGN

CADA vez que escoito falar da mala saúde da lingua galega penso nela, na miña primeira profesora de galego. A que nos fixo ver máis alá da segunda forma do artigo e a conxugar algo máis que verbos irregulares. Aquela mestra que nos explicou que a fala é máis que unha morea de verbas preciosas, un valioso tesouro con pasado e un futuro que só depende de nós. A primeira que nos ensinou a apreciar a paisaxe lingüística que nos arrodea, que nos contou todas as formas que os galegos temos de dicir que chove, arroia ou dioiva; nos descubriu os xentilicios máis divertidos e nos presentou ós creadores de personaxes inesquecibles como Ramón Lamote ou historias como a da Casa Abandonada que liamos na clase.

A mesma coa que aprendemos que a lingua é unha parte de nós tan importante como as pernas porque nos permite movernos polo mundo adiante. A que nos ensinou que xunto ó noso acento, o idioma forma parte do ADN, da nosa maneira de desenvolvernos e de quen somos. "O acento sempre está aí", contaba. Ás veces semella ter desaparecido, pero se te gravas, se te escoitas, descubres que permanece agochado baixo a lingua, coas súas vogais abertas e pechadas, cos seus diminutivos riquiños, cos seus bicos e amorodos, cos seus colos e ata cos seus bechos curiosos e esa cadencia musical que seica é tan de noso.

Cada vez que escoito dicir que imos perdendo galegofalantes volvo á Real Academia da Lingua Galega que recolle que o galego se atopa entre as 30 linguas máis usadas na Internet no mundo, por diante doutras que o triplican ou quintuplican en número de falantes. Ou que asegura que nunca antes tantos rapaces e rapazas coñecen tan ben o idioma porque non só o escoitan na casa tamén o estudan, que entre nós están as xeracións que máis estudaron o idioma da terra, as que medraron escoitando a Songoku falando en galego, ás que cantaron co Xabarín e hoxe mercan ós seus fillos os libro discos dos autores do país. E recupero aquel vello informe que destaca que o galego é intercomprensible oralmente e por escrito co portugués, que abre ás portas a comunicarse con 250 millóns de persoas que se expresan en portugués, a sexta lingua máis falada no mundo.

Cómpre afastar as mans da política da nosa lingua e empezar a bicala

Cada vez que desde Europa se fala do galego coa mágoa das linguas minoritarias que corren o risco de desaparecer acórdome da xoven murciana que estuda Medicina en Santiago e que aprendeu a falar galego para mellorar a comunicación cos seus pacientes. Vénme á cabeza a declaración de amor pública do recoñecido pianista James Rhodes ó galego pola súa beleza e a súa riqueza. Ou iniciativas fermosas como a que convida desde o Portal das Palabras a elixir a palabra do ano, unha especialmente significativa, a que mellor resuma ou identifique a realidade que dalgún xeito marcou os últimos doce meses. Nos anos pasados as gañadoras foron deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado/ a (2015) e corrupción (2014). Logo de coñecerse a alerta do Consello de Europa que advirte que non só están a caer os galegofalantes senón que a presenza da lingua no ensino é insuficiente, quizais unha das palabras reveladoras da realidade deste ano sexa ‘resiliencia’. Malia que a min me gustan máis as que describen a riqueza que nos envolve.

O que está claro é que cómpre afastar as mans da política da nosa lingua e empezar a bicala para que esta paisaxe lingüística tan rica da que gozamos non acabe por esvaecerse como un pensamento ou un neboeiro tralo rumor da vaira.

Comentarios