Blog | A lume maino

O mellor do ano peor

Un pai e unha nena xogando con pompas de xabón. EFE
photo_camera Un pai e unha nena xogando con pompas de xabón. EFE

Sentar á beira do mar. Cos ollos seguindo a liña do horizonte. Agardar a que o sol se meta na auga e desapareza deixando tras de si un espectacular lenzo de cores.

Foi un dos agasallos dun ano no que a natureza se revelou como a sanación de canto nos acontece. Amosouse espida. Cos ceos limpos, transparentes. Co mar quedo e libre. E a vida animal recuperando os espazos que outrora lles foron arrebatados. Arroaces e golfiños acompañáronnos nesa hora ansiada dos primeiros paseos da primavera postconfinamento. As aves migrantes apoderáronse dos parques ó seu regreso. Descubrimos especies que polo xeral permanecen invisibles ós nosos ollos. Un enorme lagarto de cor esmeralda ó sol. Unha culebra bastarda á espreita... E dous vagalumes. Dous bechos de luz entre as pedras quentes do verán. Facendo o seu baile, como unha metáfora da vida que brila na escuridade da pandemia.

Sentar ó carón do avó, da avoa. Aínda que sexa a dous metros de distancia, con máscara e sen bicos. Ou a douscentos quilómetros e cunha pantalla polo medio. Anhelar o recendo da súa cociña e os seus agarimos de pel engurrada, as apertas infindas e o pulso tremeroso. Acompañalos na soidade, e no medo mutuo. Ou nos paseos seguros. O sabor amargo dos minutos que non volven e a incógnita dos bicos que ficaron no ar. As historias gravadas na memoria. As conversas estarricadas por teléfono. Devecendo por esa caloriña que un sente só na casa dos avós.

Sentar cos nenos a xogar na alfombra, na area ou na herba. Rir a esgalla canda eles. Gabear polas árbores, converter bañeiras en barcos piratas, facer carreiras de caracois, construír cabanas e plantar tomates. Observar a froita nacer. O outono esmorecer. A lúa menguar. Percorrer a vida boca abaixo. Soterrar os pés coa anguria na area.

O mellor deste ano que agoniza tamén foron as ondas que saltamos xuntos. As charlas nunha praia sen fin. As series compartidas ata a medianoite. E foi tamén que chegaron Alejandro, Álvaro e Sabela, Guillermo e Lena, e Tristan que está en camiño e pode que hoxe ou mañá dea a sorpresa.

O mellor foi descubrir que hai mestres e mestras convencidos do poder que teñen de mudar o mundo. Que cada día tratan de melloralo a través do seu alumnado. Que deixaron o tempo ó outro lado da pantalla para acompañalos cara a porta do seu futuro. Ou que idearon o xeito de estar preto da clase cando o mundo pechou á cativada no alto dunha torre. O mellor foi que constatamos outra vez o valor real da nosa sanidade pública e das persoas que se entregan a ela. A necesidade do talento que deixamos marchar. A solidariedade de quen fixo cen chamadas ó día para comprobar que os maiores que viven sós non precisan nada. Ou de quen investiu parte do seu soldo nun banco de alimentos. Ou o seu tempo e mailos seus folgos nun quirófano, ou nunha caixa dun supermercado, ou baixo un EPI, nun servizo de urxencias, lonxe dos seus para evitar riscos innecesarios. O mellor tamén, as videochamadas grupais cos amigos cun licor café diante, o esforzo común, as cancións que elevaron as nosas ganas de seguir adiante e as lecturas que abeiraron as longas tardes de peche.

2020 pasará a historia como o ano da covid-19, unha pandemia que en nove meses levou por diante máis de 50.000 vidas, segando centos de familias e deixando con secuelas graves a moitas máis. Tamén é o ano no que sentimos a vertixe de ver perigar todo o noso mundo, o que somos. O ano no que nos sentimos fráxiles, vulnerables. No que a natureza nos falou en voz alta e nós convencémonos de que de aquí iamos saír mellores... Ogallá.

Comentarios