Blog | A lume maino

Modelo de cidade cultural

Culturgal. GONZALO GARCÍA
photo_camera Culturgal. GONZALO GARCÍA

TIVEN a sorte de entrar no xornalismo pontevedrés pola porta da cultura. As primeiras páxinas escribinas nun ordenador que parecía ir a manivela e incorporaban unha axenda ateigada de actividades. Daquela, ó vello Diario que se erixía sobre a rotativa na antiga rúa Vázquez Lescaille chegaban decotío artistas locais dispostos a amosar a súa obra en páxina impar e a cor.

No umbral do milenio esta cidade xa albergaba iniciativas marabillosas arredor das letras e das artes. Disque a tradición cultural viña de moito tempo atrás, pero a miña primeira Pontevedra foi a que agromou no 2000. Así, souben da cidade neboeira Castroforte del Baralla de Torrente Ballester da man da profesora Carmen Becerra. Seguín a pegada de Luis Buñuel na cidade grazas ó crítico literario Ramón Rozas. Ulisquei o cuarto onde escribía a mestra e escritora María Victoria Moreno arrodeada dos seus canciños e escoitei os alalás de Uxía desde o faro de Punta Cabalo ata a porta do auditorio local.

Lembro subir ás táboas do Principal con outros compañeiros xornalistas para ler un conto na benvida do primeiro Salón do Libro que se abría ante os nosos ollos como un portalón ó mundo dos libros. Ou asistir ós primeiros pasiños da que hoxe é unha das principais editoriais galegas no mundo, Kalandraka. Así fomos abraiándonos coas propostas da Universidade da creatividade. Participamos nun recital de poesía co gallo do Nunca Máis e colámonos entre bombalinas coa familia de Migallas Teatro. Asistimos a rodaxes entre os hórreos de Combarro ou a pé da praia dos Namorados e seguimos as rutas que se trazan nos libros dos nosos autores.

O recendo a madeira e a cercanía do mar, o tacto do pano, a luz branca do foco. O eco dos corredores do Pazo da Cultura, as nosas particulares tertulias na Verdura, as charlas no Café Moderno, ou os sons en directo da Cabaña enmarcaban aquelas primeiras escritas en papel e as primeiras experiencias na Boa Vila.

A oferta é tan ampla que sempre hai un verso por compoñer

Daquela, a peonalización era unha meta que tiña enfrontada a vecindade. O modelo de cidade estábase a enxendrar, como modelo de cidade cultural, Pontevedra levaba moito tempo sendo un referente e hoxe a súa oferta é tan ampla e variada que non importa que día da semana sexa, nin en que estación do ano esteamos, un sempre ten unha exposición que contemplar, un concerto que sentir ou un verso por compoñer.

E chegou Culturgal. Acórdome dun grupo de mozos e mozas que entraron pola porta deste xornal cun cartel enrolado baixo o brazo para pedir apoio non só mediático senón tamén económico a fin de poñer en marcha unha feira cultural en Pontevedra. Algúns miráronos con ollada incrédula pero houbo quen si apostou. Era o xerme do que hoxe é a maior feira das industrias da cultura galega.

Con nenos pequenos aínda se abriu unha oportunidade maior, a de xogar entre contos, de revivir cantigas de berce, tocar as palabras coas xemas dos dedos, buscar dinosaurios, pintar emocións nos cadros, mergullarse nos clásicos ou asistir a concertos para bebés sen ter que viaxar lonxe.

O que máis me gusta do Culturgal é agardar quenda para que o meu escritor de cabeceira me asine amodiño o seu último título mentres os pequenos rebuscan entre os anaqueis de álbumes infantís; perderme entre as ideas expostas por cada recuncho do recinto; descubrir as propostas máis incribles e entrevistar a poetas, pintores, escritores e cantantes que dedican a súa vida a darlle forma ós seus soños e compartilos con todos nós.