Blog | A lume maino

Nenas en pé de ciencia

Rescatar as referentes do olvido e colocalas nos libros de texto
Actividade científica de nenas nun colexio. EFE
photo_camera Actividade científica de nenas nun colexio. EFE

A TOPAR a vacina da covid, crear un esquelete biónico que permita camiñar ás persoas con problemas motores severos, acabar cos microplásticos dos océanos, mellorar a produción de alimentos, desenvolver programas informáticos que faciliten a comunicación das persoas xordas, crear órganos en 3D, erguer edificios intelixentes ou buscar auga en Marte. Todo isto é ciencia e precisa do talento feminino para recoller todas as olladas, sen excepción. Coa dixitalización, o reto tecnolóxico que temos por diante pasa por reinventar a vida tal e como a coñecemos. E non nolo podemos perder.

Porén cada ano son menos as nenas que elixen carreiras científicas e tecnolóxicas ou se decantan pola investigación á hora de deseñar o seu futuro. A Radiografía da fenda de xénero na formación STEM, coñecida onte da man do Ministerio de Educación, revela que mentres que hai 30 anos o 30% da matrícula das carreiras de Informática neste país correspondía a mulleres esta porcentaxe reduciuse ata o 12% no día de hoxe.

No ano 2018, un de cada tres investigadores eran mulleres, aínda que elas adoitan decantarse polos estudos relacionados coa saúde e os coidados, mentres que a informática, tecnoloxía, a física, as matemáticas e a enxeñería seguen téndoos a eles en cabeza. Esta tendencia tamén se reflicte na Universidade de Vigo, por exemplo, onde o sesgo de xénero é evidente en estudos como artes e humanidades ou ciencias sociais, onde o 72 e o 77% do alumnado son mulleres, mentres que nas enxeñerías e arquitectura a representación feminina baixa ao 23%.

Os campos STEM son precisamente os que están impulsando a revolución dixital, os que albergarán unha gran porcentaxe do emprego do futuro, a bolsa das oportunidades onde se atoparán os mellores salarios nun prazo de tempo non moi afastado. Elas non poden quedar fóra.

Distintos estudos falan dun problema cultural. Seica xa desde pequenas lles vamos trazando un camiño de purpurina que desemboca irremediablemente en esquemas vellos que pasan sempre polos coidados, mentres que a eles os vamos preparando para ser líderes e tomar decisións.

Probablemente, e malia que xeralizar nunca é bo, o desleixo por segundo que materias tamén estea relacionado con que hoxe impartimos as clases igual que se facía hai vinte anos. Hai un temario que se imparte. "Chápase, examínaste e volta empezar". Non cómpre crear un sistema de aprendizaxe máis real, aplicado á vida mesma? Que esquive a sensación da rapazada de que o que estudan serve só para aprobar un exame é clave.

E logo os referentes. Tócanos seguir achegando o que fan todas estas rapazas doutoras, catedráticas, investigadoras que enchen os laboratorios de todo o mundo ás nenas de hoxe. Rescatar ás científicas de onte do esquecemento e colocalas nos libros de texto. E amosarlles o camiño da ciencia, malia que segundo a OMS, na carreira investigadora elas seguen acadando bolsas máis modestas cós seus colegas varóns, e a maternidade as penaliza porque nunha carreira de fondo fai que perdan anos.

A perspectiva de xénero é clave tamén neste eido. Non só para acadar a igualdade de oportunidades no eido da investigación, senón tamén para que a ciencia saque o foco sempre deles e amplíe a súa ollada cara nós. Para estudar o que nos pasa, o que nos interesa, a tecnoloxía que mellorará a nosa vida. Para construír o mundo que queremos. Por iso é o momento de que as axudemos a poñerse en pé de ciencia.