Blog | A lume maino

Novos tempos que reinventar

Carapuchiña Amarela nun sendeiro nunha fraga no interior galego. N.D.A
photo_camera Carapuchiña Amarela nun sendeiro nunha fraga no interior galego. N.D.A

O DA COVID. O dos saúdos cos cóbados. O dos sorrisos enmascarados. O das apertas pendentes. O das mans ásperas. O das viaxes preto da casa. O de respirar fondo entre piñeiros e carballos. O da marmelada de amoras caseira e as aventuras baixo o dioivo. O das caliñas silandeiras e os paseos solitarios á beira do mar. O do recendo a café de medianoite. O das rutas verdes por recunchos case esquecidos. O da siesta á sombra dunha árbore, cun poemario entre as mans. O dos concertos case na intimidade dun solpor na ría máis fermosa do mundo. O de repensar o outono e un novo inverno. O dos niños xigantes de cegoñas fuxidas. O do balón atrapado no tellado. O das madrugadas espertas para ordealo case todo. O tempo que descubrimos que os capibara non son porquiños peludos nin hamsters xigantes. O ano que mudamos de canción. O que cabalgamos ó lombo do mar salvaxe.

O verán esvaeceuse como as néboas de agosto e as bágoas de setembro, foi aquel oasis no deserto da pandemia, unha ilusión de cinco minutos, unha venda nos ollos, unha sorte de paréntese para encher os pulmóns e a mente de osíxeno, de realidade sostida no ar, de emocións que non soupemos ou non quixemos conter.

Máis que nunca son tempos para agocharse tralos seus ollos e observar a destreza das súas mans

Na casa de Carapuchiña Amarela, foi ademais o verán que adoptamos un gatiño de cor caramelo e fuciño suxo, que buscaba un fogar no que rabuñar o sofá e escoitar contos de princesas que soñan con seren astronautas... O ano que enchoupamos o pan na salsa dos primeros tomates plantados polas manciñas de pel tenra e ennegrecida. O que nos abraiou que onde hai unha flor abrolla unha cabaza. Un verán no que mergullamos os sentidos en mares de azuis turquesa, celeste e mariño de colos na auga e corazóns de area, e que ó tempo xogamos coa boca amordazada e os bicos afastados das fazulas. Un ano máis no que alcanzamos cimas tan altas como tacóns, e nos retratamos na Praia e nos recunchos de sempre e noutros novos que fomos conquistando entre canción e canción. Da ría de Vigo á beira do Cantábrico..

Estacións de onte e hoxe para atesourar as novas arelas cociñadas a lume maino, no caixón aceirado da esperanza, de reservalas para os momentos nos que a negra sombra ameaza con cubrir os ceos laranxas e violetas e vermellos e rosas.

Máis que nunca son tempos para agocharse tralos seus ollos e observar a destreza das súas mans tanto para erguer castelos de area, como gabear polas figueiras rumbo ó ceo, descubrir dinosaurios de ieso ou contar estrelas. Para entender que o mundo non rematará de derrubarse mentres sigamos percorrendo os sendeiros escondidos da nosa memoria da man dele. Mentres teñamos para eles unha presa de soños, un horizonte que pintar e un rostro que bicar. Un sendeiro na fraga. E novos tempos que reinventar.

Comentarios