sábado. 10.04.2021 |
El tiempo
sábado. 10.04.2021
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

O ano que dixemos "Basta!"

Una de las manifestaciones celebradas el pasado 25-N. PEPE TORRES (EFE)
Una de las manifestaciones celebradas el pasado 25-N. PEPE TORRES (EFE)

"TEMOS AVANZADO, pero aínda queda moito por percorrer" é a frase que máis veces se repite cando un xornalista se detén a preguntar a unha muller polo camiño cara a igualdade. Malia que ultimamente as enquisas entre os máis novos nos devolven vinte pasos cara atrás. Malia os contos de princesas. Porén, cando estamos tomando posicións fronte ó reloxo de Noitevella, coas badaladas a piques de soar e o vestido de Cristina Pedroche xerando expectación na última noite do ano, entre a nova tradición e a polémica (machismo ou liberdade?) podemos apuntar ben alto que este ano collemos impulso nesta carreira de fondo.

Digo isto cun lazo negro cravado no corazón, polas 51 mulleres que despedimos este ano no Estado (45 oficiais) asasinadas polas súas parellas ou ex parellas e polos cinco fillos ou fillas vítimas tamén do maltrato extremo. No ano no que a Xustiza condenou por vez primeira a un home a prisión permanente revisable por acabar coa vida das súas dúas pequenas.

2017 tamén quedará na memoria como o ano no que decenas de miles de persoas saíron ás rúas e as redes se incendiaron ó asistir incrédulas e encarrexadas á dobre vitimización dunha rapaza de dezaoito anos que denunciou ter sido agredida por cinco homes nun portal durante as festas de San Fermín.

O ano no que as actrices de Hollywood primeiro e as da casa despois saíron do armario do acoso sexual e as grandes cabeceiras do mundo fixéronse eco e recoñeceron a súa valentía por rachar co silencio. O ano no que dixemos “basta” a que se cuestione a indumentaria dunha muller que foi acosada, violada ou maltratada, a que se poña en entredito a súa palabra polo que publica nas súas redes ou o que se fala da súa vida íntima. O ano no que non todo foi palabra de deus no eido intocable do fútbol. O que unhas e outros explicamos aos nosos fillos que “Non é non”. No que subliñamos en vermello os preceptos do vello patriarcado, empezando por premiar un catálogo de xoguetes de cores e por escoitar as voces feministas; o ano no que decidimos poñer o acento sobre o respecto ás persoas e a liberdade de levar a saia tan curta como a unha ou a un lle veña en gana. Puxémoslle nome o mainsplaining e levamos o feminismo, a violencia machista e o empoderamento ó cume do ranking das palabras do ano.

2017 foi o ano no que as barbies empezaron a vestirse de heroínas, e empezaron a mudar os contos. O ano da Señorita Bubble e a súa requetepremiada creadora, Ledicia Costas, o de Aya, a pequena que levantou a voz no Teatro Real na mañá da Lotaría, o de Margaret Atwood e O conto da criada, o da Nena sen medo que a arte urbana puxo diante do touro de Wall street. Pero tamén o de Uxía, premio da cultura, o de Montse Fajardo e as súas Invisibles, o ano no que escollemos que 2018 será doutra muller das nosas Letras, María Victoria Moreno. Entre otras moitas. Porque 2017 foi tamén o ano de Claudia, que empezou andaina universitaria lonxe da casa, o de Iris, que decidiu ser nai e o de Andrea, que estreou oficina de emprendedora. O de Matilde, que cumpriu 92 e seguiu estando en todos os momentos importantes da familia e o da súas bisnetas. O teu e o meu.

Logo do 1 de xaneiro seguiremos denunciando a brecha salarial, os ciumes como medida do amor verdadeiro, a escaseza de protagonistas femininas no cinema e nos libros escolares e os roles de xénero preestablecidos. E cando un xornalista volva preguntar, obterá por resposta que seguimos tendo unha andaina longa e espiñenta por diante, pero neste ano que remata apuramos o ritmo e hoxe somos máis os que camiñamos xuntos e xuntas con paso firme e decidido cara un futuro en igualdade.

O ano que dixemos "Basta!"
Comentarios
ç