Blog | A lume maino

O baleiro

NOS SEUS ollos bailan a dúbida e o baleiro un vals desacompasado. Cada vez que falamos teño a sensación de que busca con menos forza un cabo ao que agarrarse para tirar dos recordos, ou das palabras que teiman por desaparecer da súa lingua. Trato de lanzarlle algún cabo dándolle o pé a aquela lembranza que compartiu milleiros de veces, de cando naceu a súa primeira neta e a vimos encarar o mundo por vez primeira coas súas manciñas en alto tralo cristal. Porén, cada vez está máis lonxe da muller brava e esperta, inesgotable, que naceu á beira da ría de Pontevedra. É cruel esa enfermidade que aboca ao esquecemento a quen a padece e apaga as luces do seu pensamento e da súa emoción. Un trata de crer que cruzado o umbral da ancianidade, doe menos. Pero que lle digan aos seus fillos que hai máis duro que ver esmorecer a quen che dou a vida. Por olladas como a súa cómpre reivindicar, unha e mil veces, investigación para frear as enfermidades dexenerativas, para poñer luz sobre o cerebro. Para mellorar a calidade de vida de quen amorea décadas e se asoma ao abismo da demencia. Investigación e recursos para coidar do tecido científico e da nosa Sanidade pública, malferida e tan necesaria. E seguir reclamando unha estrutura sólida para o armazón social que debería sostelos a eles e as súas familias como merecen.

Comentarios