Blog | A lume maino

O mal do século XXI

25 millónes de persoas na UE tiveron ansiedade algunha vez
EFE
photo_camera EFE

DÍAS de corenta horas, espíritos inesgotables e corazóns a proba de bombas. É o que precisamos hoxe en día para plantarlle cara á rolda do cotián e non sucumbir no intento. Para afastar esa sensación de non ser quen nunca de chegar a onde se propón.

Hai un ano que a miña amiga S. "rompeu". Emprendedora, cunha gran responsabilidade entre as mans e afeita ó rol de ser quen tira da familia, quen atopa a solución de todos os problemas, quen atende a chamada dos pais, irmáns, curmáns... non parou ata que o médico lle lembrou que nin o seu corpo é unha rocha nin ela unha superheroína.

Desde a primeira vez que sentiu que se quedaba sin folgos e as pernas xa non podían sostela en pé ata que decidiu buscar axuda pasaron unhas cantas visitas máis ó servizo de Urxencias da súa cidade, varios ataques de pánico e a terrible sensación de caer por un enorme buraco negro. "Tiven que poñer en orde a miña vida, aprender a colocar as prioridades coma un puzzle", relata.

"Sentes que se che escapa a vida, paralízaste e non te podes mover", conta I., nai de dous fillos e unha nai dependente, con traballo e sen horarios, e sen vida propia, claro. "Collín medo a saír á rúa, a quedar soa cos nenos, a ir á compra". Só cando conseguiu relaxarse e entender o importante que é dedicar unha hora ó día a ela mesma recuperou a confianza e as ganas de seguir adiante.

Son só dous casos de tantos que identificamos arredor de nós, que gardan os tranquilizantes no armario das medicinas ou recorren a algún tipo de actividade extra que os axude a relaxarse. Para quen lle viu os dentes ó chamado mal do século XXI nalgunha ocasión os días pasan de ser demasiado curtos a eternos e as noites vólvense inimigas, porque en lugar de servir para descansar pásana cos ollos cravados no teito, sentindo que os problemas engordan coa madrugada, que caen sobre os ombros afundíndoos no colchón.

Cada vez son máis as persoas que sofren ansiedade, estrés, esa resposta do corpo ó exceso de esixencias sociais, laborais, familiares... que van enchendo un vaso ata que un día desborda. Segundo a Organización Mundial da Saúde, 700 millóns de persoas no mundo sufren enfermidades mentais. Diversos estudos aseguran que o trastorno máis común nos países da Unión Europea é a ansiedade, con 25 millóns de persoas que o padecen. E tal e como recolleu a reportaxe da compañeira Marta Balo na revista Cuando es Blue Monday todo el año, en España, segundo a Estrategia en Salud Mental del Sistema Nacional de Salud, calcúlase que arredor de nove millóns de persoas, o que é un 15% do total, tivo nalgún momento da súa vida un problema de saúde mental como a ansiedade ou a depresión. Deles, só un 22,5% acudiu a un terapeuta e un 18% pensa algunha vez en facelo. Fronte a estes datos, chaman a atención as cifras récord do noso país en venda de tranquilizantes e un dato especialmente preocupante, cada vez son máis novos os que teñen ansiedade. E é que o aumento das autoesixencias e a baixa tolerancia á frustración e ó malestar son algunhas das causas.

Coñezo a quen atopou a súa táboa de salvación afundindo as preocupacións nunha piscina, quen corre trala súa felicidade polos espazos naturais da súa contorna, quen fai pilates, reiki, kick boxing ou pinta retratos dos netos para ralentizar o ritmo das súas pulsacións. Quen toma baños de escuma e quen prefire os de bosque. Porque de cando en vez toca frear e mirar arredor. Logo coller aire e empezar de novo.