Blog | A lume maino

O poder da risa

Risos infantís na última guerra de almofadas organizada no programa Núbebe. GONZALO GARCÍA (ADP)
photo_camera Risos infantís na última guerra de almofadas organizada no programa Núbebe. GONZALO GARCÍA (ADP)

O innombrable vén de roubarnos case todo. Desde as apertas ata as viaxes, os reencontros pel con pel, as ceas cos amigos, as sobremesas de café e conversas sen présas. As festas das vilas, as velas de aniversario, os bailes agarrados, os xogos en grupo, o fútbol dos domingos, as noites de teatro... Tennos secuestrados desde os afectos ata a alegría e incluso un chisco a nosa esperanza. Todo iso que pende da saúde que sempre foi o máis importante. E malia que tamén conseguiu que os sorrisos desaparezan cada vez máis cedo das rúas xunto a case todo signo de alegría e actividade, non pode con eles. Baixo os tapabocas agóchanse sorrisos brancos e amarelos, perfectos e revirados, xenerosos e tímidos. De beizos carnosos ou finos. Simpáticos e namoradeiros. E son agora os ollos os que sosteñen a responsabilidade de comunicar ledicia, empatía polo que contaxiar un sorriso é misión complicada, pero ollo, non imposible.

Do poder sanador do riso, da gargallada que estoupa na gorxa e se espalla por todo o mundo, da risa frouxa, ou a risiña pícara sábese que é inmenso. Quen non experimentou algunha vez ese ataque de risa, esa sensación de empezar e non poder parar, esa risada que conecta co bandullo cun fío invisible e fai que chores bágoas enteiras agarrado á barriga doente. Ese riso absurdo que non sabes por que non podes evitar nin deter que abrolla como unha fervenza de felicidade ou tolemia e non se detén por moi inoportuno que sexa o seu estalido?

Di a ciencia que rir fai máis fortes os lazos entre os grupos e as parellas. E, unha boa noticia, os seus efectos poden voar incluso dun lado ó outro dunha pantalla, dun balcón ó de enfronte, ou ós dous metros de distancia que nos mantén afastados.

Pero din tamén os investigadores que o riso axuda a soportar mellor a dor, que é boísima para un corazón forte e mellora o sistema inmunitario, que axuda con enfermidades como a diabetes ou cun dos males dos nosos días: o estrés. De aí o valor da risoterapia, o ioga con risa, a presenza de paiasos nas plantas infantís dos hospitais, o humor como receita contra a desesperanza. Aínda por riba, en galego, un pode chorar de risa, pero tamén escachar, esmendrellarse, escangallarse, escarallarse, partirse ou rebentar de risa. A elixir.

O filósofo e Nobel de literatura Henri Bergson escribiu todo un ensaio sobre La risa no que esmiuza o significado do cómico e os lazos que o unen a arte, a risa que se dá logo dunha serie de acontecementos que producen "a ilusión da vida e a sensación clara dun ensoño mecánico". 

Un pode chorar, escachar, esmendrellarse, rebentar... de risa

Algúns neurocientíficos aseguran que existen as epidemias de risa. A máis espectacular disque se produciu en Tanzania nos anos sesenta do pasado século. Tres nenas empezaron a rir na escola. Non podían parar. Ó rematar o día eran 95 as persoas que rían sen parar. O riso estendeuse pola beira do Lago Victoria e tardaron ano e medio en controlala. A medio camiño entre a cultura popular e a realidade, da historia pendurará por sempre a dúbida de se se tratou dun episodio de histeria colectiva ou dun auténtico contaxio.

Máis que nunca, hoxe precisamos dunhas boas doses de risa. O humor é unha vacina que nos mantén co sol acendido incluso en tempos de tormenta. Por iso, predicen os editores e directores de espectáculos que este será un ano no que a arte tratará de contrarrestar a dor que está a causar a pandemia a través da cor, do sentido do humor en todas as súas vertentes. Así que malia que os titulares desta actualidade non nos fan ningunha graza, máis ben todo o contrario, e custe moito atopar un motivo polo que botar a rir, cómpre buscar unha razón para empezar cando menos un pequeno sorriso.

Unha lembranza, un chiste, un meme, unha caída absurda, un bo libro, unha chispa que nos axude a sobrelevar unha pandemia tan cruel coma esta, a atopar entre as máscaras un indicio duns beizos tratando de alcanzar á lúa.

Comentarios