Blog | A lume maino

O virus

Van trece mortas polo virus do machismo en 2020, cero por coronavirus
EFE
photo_camera EFE

O MEDO ó coronavirus está a espallarse case á mesma velocidade que a enfermidade. Percorren o mundo enteiro as imaxes de pequenos e maiores chineses cunha mascariña tapándolles a boca e o nariz, e o mesmo as súas mascotas. Seica trescentos millóns de persoas están pechadas nas súas casas para protexerse do becho e a rapazada xa bota en falta xogar coas súas amizades ou ir ó parque. Tennos en xaque, as empresas repasan as contas unha e outra vez, e o resto do mundo prepárase para posibles contaxios. Desde que se empezou a falar do COVID19 van miles de mortos e decenas de miles de contaxios. Debuxamos o mapamundi con puntiños vermellos naqueles lugares onde se rexistrou algún caso, seguindo o seu rastro.

Estes días podemos ler na prensa: "Al menos 250 personas en cuarentena al norte de Italia por la amenaza de coronavirus"; "Coca- Cola espera un leve impacto del coronavirus y confirma sus previsiones anuales"; "El coronavirus es el mayor dolor de cabeza para las previsiones del BCE, según su economista jefe"; "Primeiro caso de coronavirus confirmado en el Líbano"; ·"Corea del Norte cancela el Maratón de Pyongyang de abril por el coronavirus"; "El gobierno japonés insiste en que los preparativos para los Juegos siguen con normalidad pese al coronavirus"; "Montecelo activou o protocolo de coronavirus ante un posible contaxio, que posteriormente se descartou"... Suma e segue.

Todos os días o virus ten o seu espazo en todos os medios de comunicación en aras dunha alarma social que latexa de fondo. Persoalmente, os que máis me chamaron a atención son os que recolleron dous estudantes de Madrid que, elaborando un traballo para un obradoiro de creatividade, refixeron algunhas portadas de cabeceiras nacionais con titulares sobre o coronavirus que en realidade obedecían a outro virus tamén moi letal: o machismo. "El coronavirus se cobra la primera muerte en España", reza unha delas. "Una mujer de 28 años de Esplugues de Llobregat, primera víctima mortal del virus en España. En realidad, la víctima ha sido asesinada por su pareja. Tranquilo, puedes seguir preocupándote por el coronavirus", continuaba a información.

Medio cento de primeiras planas falsas empapelaron as paredes da capital chamando a atención da cidadanía sobre un virus tan mortal que é capaz de ir matando ás persoas que se infectan del e de paso vai adormecendo ó resto. E é que no que vai de ano trece mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas no noso país –as dúas últimas entre o martes e este mércores–. Cero por coronavirus. Pero o medo segue a espallarse desde as redes ata os fogares, mentres xor den voces que poñen en cuestión a violencia machista, as denuncias presentadas, a loita en xeral contra estes atentados contra a vida das mulleres polo mero feito de selo.

Os dous estudantes madrileños lograron captar a atención dos viandantes que daban coas portadas manipuladas e xerar unha reacción, alomenos durante uns segundos. Ogallá non pase. Científicos de todo o mundo están pechados na procura dunha vacina para combater ó último virus capaz de poñer patas arriba ós sistemas sanitarios de todo o mundo. Que envexa. Con esta crise non só descubrimos que se pode construír un hospital para mil persoas en dez días, senón tamén que cando hai un asunto que nos preocupa poñemos todos os medios posibles para combatelo. Porén, non entendo que sigamos enredando con pactos pantasma e minutos de silencio. Contra ese virus non temos nin vacina nin antídoto aínda, é virulento e difícil de erradicar porque está enraizado e vai infectando unha parte da sociedade. En moitos casos padécese en secreto e se non se toman medidas a tempo acaba cunha morte violenta, familias desfeitas e unha sociedade adormecida.