Blog | A lume maino

Ós que curan

Alumnos da Universidade de Navarra no Centro de Simulación en Enfermeiría. DP
photo_camera Alumnos da Universidade de Navarra no Centro de Simulación en Enfermeiría. DP

CANDO o corazón vai a tres mil revolucións por minuto e a incerteza apreta na gorxa. Cando se disparan os síntomas e o medo, e sentimos un nó mariñeiro na boca do estómago, é a presenza dunha bata branca a que representa a calma. Cando unha ameaza invisible nos coloca diante da nosa vulnerabilidade son elas e eles, os que coidan de nós, as que coidan dos nosos, quen pode devolver a orde ás cousas. 

Non corren bos tempos para a Sanidade pública. Hai alomenos dez anos que escoitei falar dos recortes que aquela crise deixou nun dos piares do noso benestar social. Nos últimos anos asistimos a unha fervenza de denuncias e mobilizacións. Un día os celadores reclaman máis medios, ó seguinte as enfermeiras denuncian a precariedade dos contratos temporais que encadean. Outro máis o corpo de médicos e médicas retrátase con pancartas porque xa non dan máis. Moitos dos nosos médicos traballan polo mundo adiante. Porque aquí falamos decotío das situacións de inestabilidade que acusa unha parte vital no noso sistema. Da falta de profesionais en centros de Atención Primaria,do peche de servizos e as listas de agarda e un longo etcétera que vén de convertirse no talón de aquiles do goberno actual.

Os profesionais da sanidade precisan que os protexamos

Hoxe, eles e elas, coa vocación por bandeira e esa promesa de servizo público que un día fixeron, entréganse a unha situación de alarma que os ten como os principais combatentes na batalla do coronavirus. Son quen están a investigar o temido Covid-19, pechados en laboratorios, na procura dunha vacina para esta ameaza. Son os e as auxiliares que asean, moven, acompañan e medican ás persoas enfermas. Os e as especialistas que atenden e estudan caso por caso, e que en moitas ocasións invisten parte do seu tempo en acalar o pánico, en lembrar as pautas a seguir para a prevención, en dixerir as dúbidas para que non se colapse o sistema. E son os enfermeiros e enfermeiras as que curan as feridas, as que poñen o termómetro, as que están á espreita da evolución. 

E agora precisan de nós que os protexamos tanto como ós nosos maiores máis sensibles para que precisamente poidan facer ese milagre que se chama medicina e dotar dos coidados precisos a quen o necesite. 

A nosa misión só é quedar na casa, o máis illados posible. Protexer ós avós e ás persoas enfermas crónicas e inmunodeprimidas, que son os máis sensibles a esta crise. Coidar dos máis pequenos e e compartir con eles estas semanas, que non será doado. Sobrevivir da maneira máis cívica e solidaria posible a unha situación dunha envergadura que aínda descoñecemos e que nin os máis vellos do lugar acordan ter pasado. Respectando as recomendacións das autoridades sanitarias e tomando as medidas preventivas para non poñer en risco ós que nos coidan. Sabendo que os profesionais da sanidade estarán ó pé do canón, dando a batalla coa vocación pendurando do pescozo adicando cada segundo ós demais. 

Sempre procuro ver os hospitais con ollos de esperanza, malia que tampouco me gusten, como a maioría, precisamente porque nos lembran o fráxiles que podemos ser e nos descobren o delicado que é ese fío invisible do que pende a nosa vida. O mellor que teñen os centros sanitarios son todos eses profesionais que os habitan e que aluman os túneles da nosa desesperanza. Fanme pensar que mentres paso os días escribindo o que acontece e contando o que fan, estarán salvando outra vida.

Comentarios