Blog | A lume maino

"Paso dos clicks azuis"

"Ten que haber personaxes femininos que sexan fortes, valentes, azoutas... para contrarrestar como funciona a sociedade e que as nenas saiban que non teñen que ser modelos, que poden saír do canon e sobrevivir"

[Ledicia Costas, Revista 10 de xaneiro de 2016]



Incluso nun luns que ata a ciencia tilda de matematicamente triste e apático, xorden noticias capaces de incendiar a un por dentro e de procurar na hemeroteca e na propia memoria máis razóns polas que adicar a última páxina a falar delas.

Un informe do Ministerio de Interior feito público onte mesmo recolle que ata 552 adolescentes están a ser vixiadas pola Policía no noso país por mor da violencia machista e o máis impactante é que o sesenta por cento destas rapazas non senten que realmente están sendo acosadas, senón que consideran normalizadas as condutas que sofren. Canda estas nenas, actualmente contan con protección policial 52.000 mulleres adultas que viven a ameaza dos malos tratos. A realidade volve darnos unha labazada e das boas.

O tema non é novo. Nunha reportaxe da Revista de 2015, a psicóloga pontevedresa Estrela Gómez conversaba coa miña compañeira Marta Balo sobre a raíz do problema: "Nuestra sociedad ha evolucionado sin evolucionar. Han cambiado las leyes y la teoría, pero no la percepción real de la población sobre la igualdad. Seguimos fomentando una ‘socialización diferencial’, ofreciendo a nuestros menores mensajes de desigualdad todos los días". Aseguraba a experta que nestes casos tamén entra en xogo o exceso de violencia que ofrecemos a cotío ós nosos nenos. "Les mostramos niveles de violencia inaceptables: insultos en la televisión, debates en los que todos gritan, menosprecios de unos a otros... Modelos de los que ellos aprenden su manera de relacionarse con los demás. Así, su umbral de percepción de qué cosas son violencia ha aumentado, teniendo esta que ser muy explícita para ser reconocida". Daquela acababa de poñerse sobre a mesa o estudo sobre a percepción da violencia machista entre a mocidade, que revelaba que un de cada tres xóvenes considera inevitables ou aceptables as condutas de control. Hoxe sabemos ademais que unha das poucas institucións que neste país atende a adolescentes vítimas dos malos tratos, pasou de contar 47 casos en 2014 a 79 en 2015.

E seguimos sumando. No ano que vimos de deixar atrás mil menores puxeron punto e final a unha relación de acoso e maltrato e denunciaron a súa situación. A outra boa nova é a semente que algunhas iniciativas van deixando nos nosos centros de ensino tralos pasos da coeducación e a prevención nas xeracións que veñen.

"Paso dos clicks azuis". "As medias laranxas non existen, ti xa es unha laranxa enteira". "Morrer por amor paréceme esaxerado". "Se hai celos nunha relación é que non hai confianz". "Non só fai falta o amor para ser feliz, podes ter outras expectativas na vida". "Eu tamén quero ter a miña vida coa miña familia, os meus amigos". "Se te controla, pasa. Non é amo"... Son só algunhas das frases coas que un grupo de alumnos de cuarto de Secundaria nos agasallan no vídeo resultante do proxecto '‘Namorando'’, que hai dous anos iniciou, da man da especialista pontevedresa Jone Ojeda, o Concello de Pontevedra nos institutos públicos da cidade e que hoxe ten continuidade co proxecto ‘'Principiñas e princesiños'’.

Os protagonistas daquel vídeo teñen entre catorce e dezaséis anos e a convicción de que iso do amor ten máis que ver con compartir que con posuír; co respecto e a liberdade dun e doutro que coa entrega incondicional e o mito do amor romántico. Amén. Imos polo bo camiño. Pero non abonda.

Cando escribo estas liñas teño o ánimo dun ‘'Bluemonday'’ calquera, con poucas ganas de enfrontarme ás primeiras máscaras do Entroido, á ironía dos cronistas políticos, ou a unha páxina de sucesos. Pero non podo calar cando me amosan outro informe que delata o mal que o estamos a facer co noso maior tesouro, os nosos herdeiros, o noso futuro, construtores da vindeira sociedade. Porque resulta que case todos os días unha muller acaba por facernos chegar unha historia de discriminación. Un episodio de desigualdade. Un caso de violencia. Coa gravadora acendida ou apagada rara é a vez que unha entrevistada non se recoñeza a si mesma como diana dos chamados ‘micromachismos’ ou da violencia de xénero nas súas distintas formas. Elas contánnolo ó tempo que sacan adiante as súas loitas de todos os días e a nós tócanos poñerlles o altofalante. Unha a unha, para que conten.

Comentarios