Blog | A lume maino

Relato da Illa do tesouro

Vista da ría de Arousa desde A Illa. RAFA FARIÑA
photo_camera Vista da ría de Arousa desde A Illa. RAFA FARIÑA

DE SÚPETO, un ceo de primavera irrompeu no inverno como unha visita inesperada, desas que che aluman a alma. O sol quecía con toda a forza que lle consinte febreiro. E, como piratas noveis con sede de aventura -e de luz-, saímos da casa á busca duns planos novos que gravar, dun día que compartir e de novos tesouros que desenterrar. Así foi que nos plantamos na Ría de Arousa e, na procura dalgunhas das imaxes máis belas, cruzamos a ponte que une A Illa a terra.

Botamos a andar e cando quixemos decatarnos percorreramos parte da Ruta dos Cons xogando cos nosos superpoderes imaxinarios, atopamos unha caliña de areas brancas, cunha cruz debuxada na area que indicaba que algún pirata soterrara alí o seu cofre ateigado de ouro. Camiño da praia Area da Secada fixemos un pequeno ramo de flores e sentimos o sal no nariz e a auga xeada, e pechamos os ollos para escoitar a melodía que o mar toca amodiño contra as rochas nos días quedos de inverno. Ó mediodía degustamos os sabores da ría alí mesmo cun cadro real salpicado de gamelas diante dos ollos. Na nosa andanza, escalamos pedras enormes, ollamos o horizonte e descubrimos o faro agochado de Punta Cabalo, ese recunchiño máxico ó norte da Illa desde o que se albiscan solpores que inspiran cancións -que llelo pregunten a Uxía, senón-. "Aquí vive unha serea", subliñou a máis pequena da nosa expedición sinalando un buraco entre dúas pedras. E anotámolo.

Ese día compartimos as pegadas na praia cun buscador de metais un tanto impaciente, que percorría os areais seguindo os sons que saían daquel curioso aparello e ía alporizándose ó sacar da area as súas mans baleiras. Mentres, entre as bateas, ruxían os motores de dúas motos acuáticas que bulían en zigzag. Unha boia non moi preto da beira advertía da presenza dunha rede mergullada, que máis tarde alguén foi comprobar. 

O peor dos nosos achados, que tamén os houbo, foron as moreas de botellas de deterxente, nasas esnaquizadas e plásticos de todos os grosores, tamaños e cores enredados en moreas de algas secas, ou agochados entre os ‘plumeiros’ invasores que enmarcan as calas. Chamáronnos a atención as ducias de pauciños de plástico que empregan os mexilloneiros na faena cotiá, e que van ocupando o fondo da ría, así que xa de paso enchemos unha bolsa do veleno que vomita o Atlántico, coa imaxe das tartarugas feridas por palliñas de plástico e as baleas co bandullo cheo de lixo bailando coa marea. Fomos recollendo as cunchas máis feitas para facer unha pulseira como as que venden as colareiras da Toxa. Demos cunhas pedras preciosas de cristal talado polo mar e as horas e fixemos saltar uns cantos rodados pola superficie mariña. Ó fin, gravamos o luscofusco máis brillante do ano.

Cando o sol desapareceu, o Nordés colleu forza e arrefriaron os ánimos. As chalanas empezaron a moverse con certa inquedanza, o parque baleirouse e os piratas, abraiados por unha casiña branca custodiada por esculturas mariñas, tiveron que tapar as mans con luvas de la. Antes de marchar, o ceo completamente nú, obsequiounos cun xardín ateigado de estrelas. Soubemos que o que semellaba unha estrela en movemento era a Estación Espacial Internacional sobre Galicia; que Marte nos miraba fixamente e Sirio nos chiscaba o seu ollo de cores. De camiño á casa, os intrépidos piratas foron relambéndose co relato da súa aventura, pero antes de cruzar a ponte xa durmían profundamente cunha pedra nunha man e os soños cheos de area.

Comentarios