Blog | A lume maino

A revolución dos avós

Un avó ensina a camiñar ao seu neto. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Un avó ensina a camiñar ao seu neto. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

"OFRÉCESE UN señor de 86 anos cunha paga de 800 euros para a persoa que o queira", escoitouse unha voz de muller no programa de Radio Pontevedra Oferta e Demanda. "Para que alguén o coide, non?", tratou de aclarar Iván Montáns, o condutor do programa.

"Si, pero na casa da señora ou de quen sexa", apostillou a anunciante. Así, en cru.

A conversa é real e a estas horas pode que viral. Un pode pensar que a muller foi un pouco torpe escollendo as palabras ou tirou de retranca a máis non poder. Ou crer que máis que procurar alguén que coide desta persoa maior, busca que llo quiten de diante e como sociedade xa perdemos a sensibilidade e o pudor.

"Os vellos somos un coñazo", escoiteille máis dunha vez ás miñas avoas. "Non se pode chegar a tan vello porque non fas máis que dar a lata"... Pois vaia.

Hai uns días un home de 78 anos de idade iniciou unha campaña en change.org co nome de #SoyMayorNosoyidiota para reclamar aos bancos que os teñan en conta. "Las personas mayores existimos, somos muchas y queremos que nos traten con dignidad. Solo estamos pidiendo que se habiliten secciones en las sucursales en las que dejen de excluirnos", explica. 334.000 firmas levaba recollidas á hora de escribir este artigo para reivindicar unha atención máis humana desde as entidades financeiras. Isto vén a conta do peche das oficinas bancarias (España ten o 51% menos de sucursais que en 2008, segundo o Banco de España, e só en 2020 pecharon alomenos 1.000 caixeiros automáticos) e do intento dos bancos de trasladar os trámites a Internet, sen ter en conta a fenda xeracional e dixital, ou as dificultades de moitos maiores que nin se entenden coa tecnoloxía nin teñen ao seu lado a alguén que os poida axudar a facelo.

Esta semana publicouse nestas páxinas que en só dous anos aumentou un 13% o número de persoas dependentes na comarca de Pontevedra (5.070 persoas), polo de agora só a cuarta parte recibe unha axuda da Xunta. O que non trascendeu é a lista de agarda da valoración de persoas con depedencia, pero coñezo algún caso que leva máis do tempo establecido por lei agardando a que se faga o estudo correspondente para tramitar as axudas ante calquera administración pública. E mentres o alzhéimer avanza, a familia trata de soster como pode a situación compaxinando fillos, traballos e ‘vida’.

Temos alertas por todas partes de que nos fai falta mellorar moito na relación que como sociedade mantemos cos nosos maiores. En lugar de aproveitar o seu talento sénior, de seguir as súas pegadas,deixámolos á marxe. Como mínimo teriamos que sentar as bases dun envellecemento activo, digno e accesible. Dar oportunidades a quen chega á travesía da terceira idade, malia que sexa a última.

A este paso a única opción que lles imos deixar é a revolución

A este paso, a única opción que lles vai quedar é a revolución. Unha revolta de avós. Unha folga de brazos caídos, nada de coidar da descendencia, nin de axudarlles economicamente, nin sequera de compartir a súa sabedoría connosco. Que se unan e saianás rúas, cos netos e bisnetos ó seu carón, para reivindicar o seu valor, que é moito máis do que este mundo que se move en termos de rendibilidade pode entender.

Paga a pena sentarnos a escoitalos, ter presente que pisaron antes que nós as areas movedizas do cotiá. Da maternidade á perda, da posta en marcha dun negocio aos éxitos e fracasos. Por non falar dunha pandemia mundial, de ditaduras, guerras, crises económicas, momentos de ledicia, amores e ausencias... Levan con eles tantas experiencias e segredos vitais que a súa memoria, os seus relatos, as súas receitas... deberían formar parte dun arquivo persoal de patrimonio histórico.

Non nos podemos permitir prescindir deles. Nin da súa mirada, nin do seu talento, nin dos seus consellos. Palabra de neta

Comentarios