Blog | A lume maino

A revolución da escola

É o momento de poñernos na pel dos nenos e reinventar as aulas
Imaxe dun aula infantil. MARCIAL GUILLÉN (EFE)
photo_camera Imaxe dunha aula infantil. MARCIAL GUILLÉN (EFE)

ELABORAR un biscoito, plantar tomates e cabaciñas, escribir unha carta para alguén a quen queres ou distinguir o chío dun merlo ou o dunha pega non son obxectivos de ningún curso escolar. Non veñen en ningún currículo. Tampouco o é saudar en lingua de signos, ou resolver un xeroglífico en grupo, nin recoñecer os recendos do outono, relaxarse ou traballar a memoria cos avós. Pero agora que estamos repensando o mundo, que veu un virus para darlle a volta ó noso xeito de vivir, agora que toca aguzar o enxeño para seguir facendo camiño, tamén é un bo momento para reinventar a maneira na que educamos ós nenos e nenas. E é que se algo vén de poñer enriba da mesa a pandemia son as debilidades da nosa sociedade e no eido da educación a marea da covid descubriunos un tanto espidos. As nosas carencias tecnolóxicas, a desigualdade que existe entre uns e outros rapaces, ou a nosa teima por preparar traballadores en lugar de persoas.

Mentres un exército de científicos e sanitarios atacan desde a primeira liña de fogo a ameaza que nos mantén en vilo; hai outro exército, o corpo de mestras e mestres, o profesorado, que sen facer moito ruído traballan co material máis sensible nunha situación inédita. A súa tarefa trascende o que dicta a burocracia. Sábeno. Non só se trata de que a cativada que deixou a escola o 14 de marzo recupere o ritmo de aprendizaxe. De que memoricen páxinas e fórmulas matemáticas. Senón de que se empapen de todo o que os rodea, e de que curen a ferida do distanciamento, que dixiran a ausencia de apertas sen afacerse a ela.

Das ferramentas que lles deamos hoxe vai depender a súa maneira de enfrontar os retos mañá. Habelencias como a capacidade de traballo en equipo, a empatía ou o saber pensar para procurar solucións e adaptarse a novas situacións antóxanse fundamentais. A educación emocional tamén pide paso. "Isto debería ser un punto de inflexión", di César Bona, un dos referentes da educación, que aposta pola humanización da educación e que antepón valores da vida como a saúde, o respecto ós demais e a un mesmo, a natureza e as emocións ante ós contidos.

Coñezo a moitas mestras en Pontevedra que cada día tratan de abrir paso as artes e a natureza, o deporte e a saúde, o pensamento e as palabras e os números entre rituais de lavado de mans e xel hidroalcólico. Que coidan que as máscaras cubran os nariciños dos seus alumnos nunha aula máis baleira que nunca ó tempo que abren novas ventás de coñecemento á rapazada nesta época marcada pola distancia.

Levo escoitado meses que cómpre facer da crise unha oportunidade. E estou convencida de que a nivel educativo é hora de revolucionalo todo. De darlle a volta ó sistema tal e como o coñecemos. Por que elixir entre hábitos saudables e igualdade de xénero no instituto? Por que non incluír a educación emocional e a afectivosexual desde os primeiros ciclos? Por que non ensinarlles a relaxarse, a debater, a plantar unha árbore ou a resolver conflitos?

É o momento de poñernos na pel dos nenos e nenas e reinventar as aulas para adaptalas á realidade que vén. E, mentres, deixalos que metan as mans en fariña para cociñar unha torta, que pisen as follas renxentes para escoitar o outono, que sigan o voo das aves migratorias e senten a falar cos avós. Que experimenten con xeo de cores, que canten e bailen en linguas descoñecidas, que creen haikus de primavera, enchan bancos de amigos e aprendan a ler a dirección do vento ou a atopar a estrela polar. Quen sabe? Seica atopen un día o seu camiño.