Blog | A lume maino

Sex education

AGORA que temos por diante a enésima reforma educativa e estamos a recompoñer os vimbios do coñecemento da nosa rapazada é o momento de aplicarse nunha das asignaturas que temos suspensas: a educación afectivo-sexual. O Estudo sobre Educación e Hábitos Sexuais nos Adolescentes Galegos, presentado esta semana, vén de dar a alerta ao revelar que tres de cada catro mozos se informa sobre sexo cos amigos ou na Internet; que a metade dos adolescentes recibe información escasa na escola; que se inician nas relacións aos trece anos e que con quince algúns as teñen completas; que menos do 36% usa métodos anticonceptivos e un 8,1% das rapazas tivo algunha relación sen consentimento. Ao mesmo tempo, asistimos espantados a un aumento dos delitos sexuais e as violacións grupais convulsionan as páxinas de sucesos coa súa cara máis crúa e violenta. Onte aprobouse a Lei do Só si é si. Pero coas portas da pornografía abertas de par en par, sen guieiros para os adolescentes no eido das relacións e os afectos, non abonda. De nada serve que o Código Penal diferencie entre abuso e agresión e esixa o consentimento explícito se non educamos en igualdade. Máis alá das clases de bioloxía, hai que falarlles na casa e nas aulas de desexo e de agarimo, de pel e de emocións. De pracer e de saúde, de liberdade, empatía e respecto.

Comentarios