Blog | A lume maino

"Son madeira"

Rosa Cedrón cumpre vinte anos do concerto con Luar na Lubre que marcou a súa carreira


HAI MOITAS maneiras de festexar o Día das Letras Galegas. Uns elixen marchar polas rúas de Santiago coa lingua fóra, hai quen aproveita o festivo para estrear palabras novas, coma un agasallo de aniversario. Unha vez colleume o 17 de maio flotando nunha piscina de auga salgada recitando nomes en galego. E logo hai quen escolle un poema, unha canción ou unha voz, como Non serei eu’de Rosa Cedrón (Monforte, 1972) e pecha os ollos. Deixa que a monfortina lle cante ó oído, a lenes sopridos, e que a melodía do seu 'cello' o envolva como un pano de seda. É o que ten deixarse levar polas cóxegas de Nada que perder, que ten a lingua galega como base pero que comparte espazo con outros idiomas cantados co acento de seu e unhas mans de madeira que danzan cara o ceo. "As cousas van mellor que hai uns anos, aínda que para os músicos de aquí non están moi lozanas", conta Rosa, sempre cerca, que estes días pecha novas citas na súa axenda.

Cúmprense vinte anos desde que a cellista subira ás táboas e cantara por vez primeira no plenilunio de Luar na Lubre. Aquel concerto de aniversario marcou un punto de inflexión na súa carreira. "Dá un pouquiño de vértigo pensar que era unha mociña e claro, xa son unha señora de 44 anos e cunha filla", ri. Aquel encontro cambiáralle moito a vida, e tamén ter acompañado a Mike Oldfield coa súa voz pouco despois. "Fora un cambio importante porque o meu era a música clásica e, de súpeto, metinme nun mundo alleo ó meu que era a música folck, as gaitas, as zanfonas. Tiven que cambiar o chip pero levei o meu estilo sempre comigo". Sempre canda o seu irmán, Javier Cedrón, axitou Rosa con dozura a bandeira do clásico máis emocional. Precisamente, confesa, Nada que perder é un resumo deses vinte anos de andaina musical nos que viaxou polo mundo adiante e "fun bebendo doutras fontes, do pop, o folk, o metal; e doutros idiomas".

"Co tempo, todo ten máis sentido", engade a compositora que por primeira vez se sente completamente satisfeita co resultado do seu disco. "Cada día que pasa colle máis sentido para min, todo iso que sae do interior, do subconsciente e vai obtendo forma". Así, os acordes de Benditas feridas’, Red velvet ou Lía soños saíron da alma de Rosa Cedrón, que se sente moi afortunada por ter atopado no seu camiño a Miguel Artús, quen pon letra a tanto sentimento. "É moi noviño pero cun talento impresionante que escribe en inglés, francés... Foi como un enviado. Un xenio".

"Teño unha relación de amor odio de toda a vida co violonchelo. Forma parte de min e eu del"



E logo está o violonchelo. O instrumento co que Rosa Cedrón posa completamente núa na portada do disco e co que se reencontra neste traballo. "Teño unha relación de amor odio de toda a vida co 'cello'", confesa á vez que rememora os tempos de estudo de Clásica, ó que adicaba ata oito horas diarias. "Realmente o de levar o instrumento a un nivel profesional coma este leva consigo un desgaste emocional brutal porque ó final a música son emocións", subliña.

Coma nuns versos custodiados por metáforas, a autora amósase espida, coa alma ó aire, só protexida pola tenrura e a sensualidade dos seus sons. "Esa é unha metáfora". Pero hai máis. No íntimo xogo de luces e sombras de Antonio Calvo, Rosa descubre os seus dous instrumentos: "o meu corpo é un", di. "Son madeira, este violonchelo forma parte de min e eu formo parte del", revela ademais.

Non lle importa confesar que cando era unha nena lle custaba moito expresarse coas palabras pola súa timidez e inseguridade ata que deu co 'cello'. "Atopei tras el a primeira forma de expresión cara o público, a da gorxa... esa outra formad e expresarme estaba escondida detrás desa madeira". Detrás desa madeira, da intimidade da súa música, Rosa Cedrón, humilde e esencial, "buscando esa sinxeleza que transmitira o que realmente son eu: verdadeira, elemental, directa".

Hai uns anos o seu nome chegou a soar entre os eurofans para representar ó noso país en Eurovisión. "Optar non optei nunca", ri de novo. Imaxinan? E en galego? De verdade? "O deste ano (di por Manel Navarro) o pobre rapaz está levando por todos lados", e amósase feliz polo triunfo de Salvador Sobral. "Por fin boa música chea de sentimento". Se cadra se desde aquí se apostase por ese estilo, Rosa Cedrón sería unha boa candidata, "alomenos encaixaría á perfección", di ela. Mentres tanto, combina os ensaios do concerto deste venres en Compostela cos dúos coa súa pequena de cinco anos na casa. "Agora anda un pouco contaminada polo que lle chega de fóra, pero as miñas tamén as sabe e a emocionan moitístimo. Ela di: 'Eu son a túa fan, mami".

Comentarios