lunes. 16.09.2019 |
El tiempo
lunes. 16.09.2019
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Un novo punto de partida

Non me cansarei de contarlles que esta profesión é marabillosa
Playa de Baltar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Playa de Baltar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

VOLVER. Coas lecturas do verán aínda latexando nunha maleta a medio desfacer. Cos sons dun concerto a pé de praia asubiando na memoria e o eco dos risos dos cativos que chapuzan na auga envolvendo (cada vez más tenue) as horas. Veu o mes nove para reinstalar a rutina entre nós e baleirar os areais e os furanchos e formar colas para anotarse no ximnasio. E veu para convidarnos a soñar outro curso, outros proxectos. Para sinalar un novo punto de partida. Para poñernos os pés na terra e o foco na Amazonia ou no Mediterráneo e lembrarnos que mentres estarricabamos o corpo ó sol, cos ollos pechados e os aparellos silenciados, a actualidade seguía mudando de chío en chío, malia que non nos importase vivir de costas a ela.

E veu setembro para encher as aulas.

Contáronnos este verán os compañeiros de prácticas que o primeiro que escoitaron ó entrar na Facultade de Xornalismo foi que "se estaban tolos", que "como se lles ocorría optar por esta carreira" porque nunca van poder traballar, e se o conseguen terán salarios precarios e horarios incompatibles coa vida. Din que lles falaron da crise que sofren os medios de comunicación, a do papel e tamén a da credibilidade. Que moitos deles teñen asumido que a súa carreira terá que derivar por outros camiños porque este, o do xornalismo é estreito e curto.

Mantivemos algunha conversa que outra sobre o peso do papel na información, e a súa consistencia nun intre no que a realidade muda a golpe de click, caduca e actualízase e reinvéntase dez veces ó día. Discutimos sobre o valor das cabeceiras, das firmas, fronte a forza dos influencers que entusiasman ós milenials, dos vídeos absurdos que se volven virais. Falamos das noticias baleiras e do morbo.

E cando introducimos na charla o valor do xornalismo con maiúsculas, eles, os que se preparan para o relevo, estouparon nunha gargallada. Onte mesmo volvíanse manifestar as pantasmas da indignidade nunha primeira plana que reflectía a dor dun fillo roto pola morte da súa nai e o testemuño en prime time dun panadeiro de Cercedilla.

Que difícil defender o xornlismo cando seguimos exhibindo as nosas miserias, crendo que o que vende é o que realmente importa. Que o que impacta é o que conta. E que triste ter que facelo ante un grupo de futuros xornalistas que terían que estar a comer o mundo e chegan da facultade e da vida coa ilusión esgotada, convencidos de que esta profesión (coma moitas outras) ten pouco que ofrecerlles e moito polo que decepcionalos. Seguros como están de que non importa canto se preparen porque non terán opcións.

Dacordo. Hoxe medra a cantidade de cidadáns que se erixen en voceiros da actualidade ó seu xeito a través das redes e os grandes medios perden firmas arreo. Medra o analfabetismo informativo e os intentos do poder político e económico por controlalo todo. E non nos enganemos, é complicado ser xornalista e saír coa luz do día de traballar ou ter un iate.

Malia todo, eu non me cansarei de contarlles que esta, aínda que non salva vidas, é unha profesión marabillosa pola que cómpre seguir preguntando, curioseando, cuestionándoo todo para logo vir contalo. Que precisa de savia nova con espírito crítico e de toda a súa forza para mudar o rumbo. Que o que teñen que contar os que veñen é importante. E que alí onde haxa quen diga que a verdade é un conto do País das Marabillas, será necesario un xornalista.

É o que ten setembro. Un mes para estrañar. Para volver. Volver empezar. Empezar por soñar.

Un novo punto de partida