martes. 15.10.2019 |
El tiempo
martes. 15.10.2019
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Un pouco de luz

Todos o sabiamos, pero ninguén falaba do asunto cando nos cruzabamos con el polas escaleiras do instituto. Camiñaba coa cabeza baixa e protexíase baixo un 'flequillo' rebelde das olladas que lle cravabamos os que escoitaramos por vez primeira aquela palabra. Corría o rumor de que o seu irmán decidira terminar coa súa vida. Especulouse co xeito en que o fixera. Falábase, entre susurros, da dor da familia. Pero canto se sabía era rumor de patio. Ningún profesor colleu á clase por banda e explicou o que pasaba. Ninguén contou que ás veces a vida se volve tan insoportable que hai quen decide acabar con ela, malia que en verdade non queira morrer. Non explicaron que facer cando as emocións sitúan a un ó borde do abismo. Nin aclararon que non é preciso estar enfermo para pensar nalgo así.

Anos despois, no primeiro xornal no que traballei, un día de outono chamaron por teléfono. "Nas vías? (...) Logo que foi, un atropelo? (...) Ah, un suicidio". E ó día seguinte as páxinas daquel diario non recollían o suceso, máis alá dos cambios nos horarios dos trens afectados.

Ata o de agora esta realidade envolvíase nun absoluto silencio. Conta quen o viviu de preto que desde ese intre ninguén volve pronunciar o nome da persoa que marcha. Ese silencio e os prexuízos agrandan o baleiro pola perda. Hoxe, os colectivos que traballan pola prevención do suicidio reclaman todo o contrario. Din que hai que plantarlle cara o que é o maior problema de saúde pública de Europa, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a primeira causa de morte non natural no noso país, que ten en Galicia as segundas peores cifras de España.

O novo número de teléfono de prevención do suicidio é o 161

Os últimos datos falan de 288 persoas que acabaron voluntariamente coa súa vida na nosa comunidade no 2018. Desde o colectivo Saúde Mental FEAFES Galicia chaman a atención sobre a importancia de traballar na prevención.

Di J., ó outro lado do teléfono, que a primeira vez que tentou acabar coa súa vida só tiña dezaséis anos. Sentíase "solo, desamparado, discriminado". Trala morte da súa nai e nunha familia desestruturada, viu nun bote de pílulas a saída á súa desesperación. Non foi a única vez que o intentaría, "por sorte —di— sen éxito". Logo de anos de avanzar a trompicóns e sen apoio ningún, deu cunha asociación que lle amosou "un poco de luz en la oscuridad". "A los que tenemos una enfermedad mental nos tienen un poquito descuidados", subliña. "Hay que hablar del tema y pedir ayuda", engade J., que tamén reclama máis implicación das institucións, dos colectivos sociais e incluso dos medios de comunicación arredor dun tema tan espiñento e cheo de sombras.

Previr o suicidio é posible. Din desde FEAFES Galicia que o o primeiro que fai falta é ter recursos, políticas de prevención desde todos os eidos: sanitario, educativo, social... Que cómpre rachar co silencio primeiro, e cos mitos. Quen intenta quitarse do medio non está a chamar a atención, senón que "está amosando unha necesidade", subliñan os expertos. Nin ten por que estar a sufrir unha crise dunha enfermidade mental. A través da web conectacoavida.org distintas agrupacións explican como traballar para combater este problema de saúde pública.

"Ahora me siento bien", engade J. "Me siento muy apoyado. Antes soportaba todo yo solo. Pero si algo he aprendido es que es muy importante sacarlo fuera, pedir ayuda, porque siempre hay gente dispuesta a ayudarte", sorrí. Se as palabras teñen cores, esta que non se nombra é dun ton gris ceo anubrado. Precisa dun pouco de luz para cambiala.

Un pouco de luz