miércoles. 20.01.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.01.2021
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Vailles na saúde

Un dos meus recunchos preferidos en Pontevedra é o Lérez. Á súa beira esténdese todo un cinto de cor verde e vocación saudable que todos os días se enche de vida. Os que o corren, os que o pasean, os que o percorren en bicicleta... Ó carón do río medra todo tipo de actividade deportiva. Así, camiño da Illa das Esculturas ti podes atopar os canoístas pasando baixo a Ponte dos Tirantes tralo ronsel de grandes do piragüismo como Teresa Portela ou David Cal, ou cruzarte directamente co kayak rosa da olímpica de Cangas. Pode que se estás correndo te adiante de súpeto un medallista olímpico como Javi Gómez Noya, ou que te atopes estirando tamén preto do Centro Galego de Tecnificación Deportiva a todo un campión mundial como Pablo Dapena ou a outra xigante das pistas de atletismo como é Solange Pereira. Pero ademais, desde o inicio da pandemia, os espazos naturais enchéronse aínda máis de deportistas afeccionados, noveis e veteranos, doutros campións, federados ou non... Familias enteiras na procura de aire que agarime a cara, de osíxeno para encher os pulmóns de vida, de espazo para abrazar o mundo enteiro de exercicio en exercicio. Este verán, ademais, os equipos de ximnasia da cidade, de natación sincronizada, algúns de atletismo, ciclismo etc. atopáronse desde primeiras horas na procura dun anaco de sombra para impartir as súas clases ó aire libre. Coa herba baixo ós pés e o marmurio do Lérez de fondo, nenos e nenas de todas as idades, coas súas correspondentes máscaras, respectando a distancia de seguridade e empregando o xel da man dos seus monitores protagonizaron unha coreografía cotiá na Illa das Esculturas.

Un estudo da Universidade de Vigo vén de subliñar que "impedir a práctica de actividade física durante un confinamento ten consecuencias negativas para a saúde da poboación". É a conclusión do investigador da Well-Move da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Ayán. Pero é que todos os días escoitamos as receitas dos médicos de todas as especialidades, que inclúen sempre actividade deportiva. Nalgúns países a práctica dalgunha actividade física é habitual a calquera idade. Aquí aínda estamos afacéndonos á idea. Entre os seus beneficios os expertos citan a prevención da obesidade, a redución da tensión arterial, ou a redución da ansiedade e a depresión, pero tamén a mellora das defensas para a prevención de infeccións por virus. 

Impedir o deporte no confinamento é negativo

Por iso non se entende que os rapaces deste municipio non poidan xogar ó fútbol (que non competir). Que cada vez que un grupiño de amigos que estudan na mesma aula saltan o valado dos campos da Xunqueira haxa alguén que avise a Policía Local para que os bote de alí. Non se entende que teñan que descargar a súa adrenalina coas batallas dos videoxogos. Nin que os clubes de ximnasia anden a buscar entre os centros deportivos da cidade espazos abertos, grandes, fáciles de desinfectar onde levar a cabo a súa actividade sen que perigue a seguridade porque aquí os pavillóns non se abren para eles. Por iso non se entende que as Escolas Deportivas permanezan pechadas en novembro.

Se é cuestión de responsabilidade, tócanos ós pais e nais animar ós cativos, acompañalos, correr con eles, ensinarlles a nadar ou a andar en bici. E correspóndelle ás administracións públicas deseñar protocolos seguros e incentivar o deporte entre a poboación. Especialmente entre os nenos e adolescentes. Se a cultura pode ser segura, se a escola pode ser segura, o deporte tamén o é. E vailles na saúde.

Vailles na saúde