Blog | A lume maino

Vello país solleiro

Cada vez retornan máis galegos menores de 45 anos a casa
Imaxe de arquivo dunha aldea case deshabitada da provincia de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Imaxe de arquivo dunha aldea case deshabitada da provincia de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

NA MESA de Noiteboa, na casa de Ana houbo un prato menos. Non é a primeira vez. Nova Zelanda está demasiado lonxe como para facer varias viaxes ó ano e a súa filla xa pasara en casa o verán. Alba xa entrou na trintena, hai uns meses decidiu volver ó país que a acolleu hai oito anos e lle deu a primeira boa oportunidade laboral.

O fillo pequeno de Susana xa é cidadán americano. Con dúas carreiras e alomenos un máster e un espírito emprendedor a proba de crises, vive a cabalo entre México e os EE UU. Non ten pensado volver á que sente como a súa terra máis que de vacacións. A prosperidade, di, está ó outro lado do charco. A Pablo nin sequera o Brexit pode sacalo de Londres, onde logo de once anos atopou o seu lugar no mundo. Marchou para estudar inglés durante un tempo e atopou a porta de entrada a unha interesante traxectoria no eido da produción musical, ademais dunha parella e a posibilidade de botar raíces en solo británico. Nas ceas de Susana e Ana e os seus amigos, case todos con fillos en idade universitaria ou xa graduados e con máis dun máster ás costas, sempre hai alguén exque se escusa e abandona a mesa durante uns minutos porque recibe unha chamada desde lonxe. Logo xorden as conversas. Que se o meu fillo está en Estocolmo e non se plantea regresar sequera, porque as diferenzas económicas son abismais, que se aquí os contratos son precarios e os alquileres demasiado altos para que a xente nova poida independizarse ou ter fillos... Que se a filla pequena do outro, que compaxina estudos cun traballo de aupair, quere regresar. Que non leva ben vivir a milleiros de quilómetros da casa. "Non se adapta", conta a súa nai.

Malia as negras cifras demográficas, os datos do INE din que cada vez retornan máis persoas a casa, as máis delas menores de 45 anos, algunhas grazas as campañas de recuperación de cerebros das universidades, outros coas axudas autonómicas ó emprendemento.

Pero aínda queda demasiado talento da casa producindo alén do Atlántico ou dos Pirineos. Magoa pensar todo o que as familias gastan na formación dos seus vástagos, no tempo e nos cartos, e tamén ver todo o investido pola Administración na educación pública, no sistema universitario, cando anos despois o mercado laboral os condea a ser eternos bolseiros ou traballadores eventuais con salarios ridículos e con pouco percorrido. Ver como os expulsa fóra do sistema e os lanza fóra da terra que quererían arar. Disque hai galegos ata na lúa, e é un orgullo saber que hai investigadores, científicas e rapaces nacidos entre nós nos proxectos internacionais máis ambiciosos. Do acelerador de partículas no corazón de Europa á Antártida, entre os edificios de Sillicon Valley ou na NASA. A excelencia de noso imparte clases nas principais universidades, pero tamén fan falta aquí. Precisamos as súas ideas, o seu bo facer e a enerxía dos que comenzan para botar a roldar o mundo ata devoralo.

Desde as administracións en particular e a sociedade enteira debería empuxar para axudalos a regresar. Facilitar o sempre tedioso papeleo. Poñer liñas de axuda ó alcance de quen quere facer país fóra pero tamén dentro da casa. Regular os prezos abusivos da vivenda. Conxugar o verbo conciliar. Crear redes de soporte real para as familias... Empezar a pensar que si nacen poucos nenos e os mozos e mozas seguen marchando porque aquí non hai horizonte rematarán por baleirarse as aldeas e enrugarse as cidades. E así vainos quedar un fermoso país solleiro, un lugar vello e solitario