Blog | A lume maino

Xornalistas azuis

NON SOMOS discapacitados. Somos persoas con discapacidade". "Hai que deixar claro que o que queremos é que se recoñezan os nosos dereitos". Sergio e Chema están un pouco nerviosos. Vai moitísima calor e a prensa está a piques de chegar. Remexen nos seus papeis, len unha e outra vez algo que levan escrito e comentan cos demais compañeiros o que queren reseñar do seu Decálogo de Boas Prácticas, que veñen de redactar ó abeiro do programa Hefesto 2015.

As vistas desde a terraza da Casa Azul arrouxan unha Pontevedra diferente, pero tan fermosa como todas as ‘pontevedras’ posibles. Está toda ela poboada de tellados laranxas, de casiñas erguidas sobre pedra lavada. O casco vello loce desde arriba coma se fose novísimo. Hai vivendas que medran de novo. Ó fondo sobresaen San Bartolomé, o novo edificio do Museo, San Francisco... "Intúese á Ferrería", apreza o fotógrafo, e albíscase a ponte dos Tirantes, que case coroa a escena, sobre o Lérez. É a mesma paisaxe baixo o ceo de Pontevedra, pero hai que subir ata o airado da Casa Azul para contemplala.

Dentro, na sala Valdecorvos, celébrase unha das primeiras reunións entre os responsables do programa Hefesto 2015, que promove o Concello de Pontevedra con diversos colectivos da cidade que traballan con persoas con discapacidade, os medios de comunicación e os protagonistas desta historia, persoas como Sergio e Chema, como Maica e Virtudes, Rosa e Froila, Esteban e Patricia, que están a dar os seus primeiros pasos no mundo da prensa escrita e que se cadra algún día verán publicados os seus traballos no Diario de Pontevedra, por exemplo.

Eles e outros dous grupos de compañeiros xúntanse cada luns na Casa Azul e levan xa un tempo argallando algo entre micrófonos e ordenadores, cámaras de fotos e recortes de xornais. Ana, Alba e Fran son os seus guías nesta experiencia, que adopta o nome do mito dun deus que tiña unha discapacidade e que ano tras ano tece unha rede de actuacións e relacións entre as persoas con discapacidade e o mundo enteiro.

"As persoas con discapacidade somos independentes e protagonistas da nosa vida. Nada sobre nós sen nós"

[Decálogo de Boas Prácticas elaborado polas persoas que integran o Hefesto 2015]

Pasadas as cinco da tarde Sergio e Chema toman a palabra. Mentres, Carlos e Víctor gravan a intervención e fan fotos para subir logo ás redes sociais (@HefestoCasazul). Preparan as súas propias noticias e as comparten.

Os dous voceiros collen aire e len punto por punto dez reinvindicacións que fan propias. As súas palabras soan obvias, pero aínda hoxe é preciso repasalas- Presentan así un Decálogo de Boas Prácticas de aplicación necesaria e obrigatoria nos medios pero tamén na vida cotiá.

Lembran Sergio e Chema que as persoas con discapacidade nin son "nenos ou nenas", nin "rapaces ou rapazas" ("algúns de nós xa pasamos dos corenta anos"), que nin as persoas que integran a Asociación Xoán XXIII son alumnos, nin os socios de Amencer Aspace son enfermos. "Persoas", insisten. "Primeiro persoas, logo con discapacidade".

"Non somos vítimas", subliñan con firmeza. "Queremos que se trate a nosa discapacidade de fronte". Recordan que non lles gusta sentirse ignorados, "pregúntame se preciso axuda, son eu quen decide", advirten.

Coñecedores das súas limitacións, pero tamén convencidos das súas capacidades, reclaman da sociedade en xeral e da prensa en particular ser tidos en conta e que se destaquen as súas posibilidades, que son moitas. "Todos os seres humanos nacemos iguais en dignidade e dereitos", subliñan.

Cando a prensa marcha, a xuntanza continúa. Falan de reportaxes, de entrevistas, de artigos e anuncios, de programas de radio... Exploran os medios de comunicación e están decididos a levar o tema que os ocupa ó papel ou ás ondas. O vindeiro mércores farán a presentación pública do Hefesto 2015, na que revelarán as claves dun programa que nesta edición ten na comunicación a súa razón de ser.

Camiño da Casa Azul un ten que percorrer un pequeno e fermoso labirinto de rúas empedradas. Non é difícil chegar. Chámanlle centro histórico e aluga a maxia da cidade antiga. Desde abaixo, Pontevedra tamén asoma coma se estivese de estrea. Incluso nun día de primavera afogada polos aires que chegan desde o Sáhara, coa ameaza de tormenta, o ceo volve ser Azul.

Comentarios