Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Cazadores de abrentes

EFE
EFE

A LGUNHAS mañás saio a camiñar sen levantarme da cama sequera. Dei coa maneira de cumprir -a distanciacunha das teimas de cada setembro, coma este que xa mordemos. Desde hai uns días esperto, abro a ventá social e boto a andar ás agachadas por diferentes corredoiras ata que dou con eles. Non son avenoiteiras coma min, senón unha sorte de cazadores de abrentes que ateigan as redes. Desas persoas que se botan a andar aínda coa noite nos ombros e cunha cámara entre as mans, e cando albiscan ós primeiros raios do sol albarexando o pincel na paleta de cores do ceo... Zas! Atrapan dun suave click un lenzo esvaecido de laranxas e amarelos. Intenso e claro. Esperanzador e nostálxico a un tempo. Logo vai e o comparte. Coñezo a un guionista que acompaña a escena cunha reflexión breve, unha cita dun dos seus cineastas preferidos, dun escritor ou dun pensador ou pensadora. "Bos días", di. Todo un agasallo para inaugurar unha hora, un día ou unha época. Onte mesmo contaxioume ese entusiasmo por ser a primeira en recibir o día e saltei da cama en canto abrín un ollo, aínda que non cheguei a tempo de capturar o primeiro bocexo da madrugada, si me enchoupei desa enerxía que un precisa para encarar setembro e con el o outono e os días menguantes.

Durante o paseo pensei que acontecería se deixamos de mudar a hora, tal e como propón Junker, logo da enquisa europea do verán, e quedamos cun horario perenne. Como serían esas batidas trala luzada? Seica na esquina noroeste da Península desesperariamos por ter que agardar o despreguizar do día ata o segundo café. Acordei que hai uns anos, os domingos que a miña irmá viaxaba cara Madrid, falabamos por teléfono e contaba como a noite ía caendo conforme se achegaba ó destino, mentres á beira do Atlántico adiabamos a tardiña un anaco máis. Que pasaría daquela coas últimas anoitecidas de Europa? Ata que hora habería que agardar por elas?

Tendo en conta que do estremo Oeste ó Leste da Península a balanza da luz sempre estaría desequilibrada, probablemente o interesante deste debate, ou alomenos o máis práctico, radica en pensar se cómpre aproveitar o momento para adaptarnos ó horario europeo, dar un xiro ós nosos costumes a fin de evitar perder o tempo e a saúde? É dicir, que pasa se deixamos de desperdiciar dúas horas para comer a cambio de gañalas á tarde, se intentamos achegar os horarios laborais ós escolares. Se tratamos de facer algo máis factible iso da conciliación, por exemplo. Os que teñen fillos, persoas dependentes ó seu cargo, mascotas ou simplemente unha vida gañariamos niso que dan en chamar tempo de calidade. E que acontecería se adiantamos a cea, o prime time, as festas, os partidos e as dixestións? En definitiva, se buscamos a maneira de optimizar o tempo, que o fin e ó cabo é o noso ben máis prezado?

Din os expertos que se a Unión Europea opta por deixar de maneira permanente o horario de verán, o día que máis tarde amencerá en Galicia, o día de Reis, non vería o sol ata as 10 da mañá. E así, pola tarde, aquel despediríase contra as 19 horas en vez ás 18, o momento no que o luscofusco é máis cedo na nosa comunidade. Por outra banda, se Europa aposta polo horario de inverno, no verán os cazadores de abrentes terían que saír na súa procura antes das seis da mañá. E o solpor chegaría ás 9 da noite.

Non sei se teremos que afacernos a arrincar o día ás escuras; dubido se o mellor é igualármonos co veciño Portugal e xantar cara o mediodía, ou máis nos vale quedar como ata o de agora, con cambios en outubro e marzo e esa sensación de ter o corpo estraño durante unha semana. Pero coido que estamos ante unha oportunidade inmellorable de revisar vellas rutinas e tratar de axustar as agullas do noso reloxo á realidade do século XXI.

Cazadores de abrentes
Comentarios