Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Elas si que son mundiais

Teresa Portela vén de conquistar o ouro nos xogos do mediterráneo e Támara echegoyen quedou subcampioa na Vor

Teresa Portela. EFE/ENRIC FONCUBERTA
Teresa Portela. EFE/ENRIC FONCUBERTA

MENTRES ESCRIBO estas liñas, medio mundo está paralizado. Xira arredor dun coiro que voa polo ceo dun lado ó outro do Kaliningrado Stadium buscando un oco na rede. Milleiros de persoas empuxan á Selección cara oitavos de final. Conteñen a respiración cada vez que o balón se achega ó meta, aumenta a frecuencia cardíaca, súan... Teñen postos todos os sentidos nos pés da Roja. Todos queren ser os mellores do mundo.

Elas xa o son. Teresa Portela e Támara Echegoyen xa son das mellores no mundo no seu. Demostrárono sobradas veces logo de arredor de dúas décadas na elite do deporte mundial. Unha en augas tranquilas. A outra en mar aberto. Esta fin de semana volveron poñer o deporte galego e o deporte feminino no cumio, acadando unha nova xesta nas súas carreiras. 

A canguesa Teresa Portela vén de sumar un ouro máis ó seu impresionante palmarés. Ós seus 36 anos, demostrou nos Xogos do Mediterráneo que segue sendo a mellor palista deste país. Non hai ningunha outra piragüista cunha colección de medallas como a súa: 14 metais nos Campionatos do Mundo, 17 nos Europeos. Cinco finais en cinco Xogos Olímpicos e cinco diplomas máis. Suma e segue. Chegou de Barcelona pouco despois de subir ó podio, e xa ó amencer de onte estaba adestrando de novo sobre o kaiak remando cara o  Mundial de Portugal. 

Tamén esta fin de semana Támara Echegoyen facía historia ó quedar subcampioa na Volta ó Mundo de Vela co seu equipo. A regatista pontevedresa non só ten o título de ser a primeira muller española que compite na Volvo Ocean Race, senón que ademais de completar as once etapas da proba, logo dunha brillante e dura competición a través de 45.000 millas, vén de acadar a prata, a mellor posición conquistada polos equipos españois na VOR. 

Ós seus 34 anos, o seu currículo inclúe títulos de Europa e do Mundo, ademais do ouro que se colgou nos Xogos de Londres 2012. Agora tamén sabe que é quen de enfrontarse e superar con éxito as condicións extremas da proba transoceánica, de dirixir o rumbo do barco con ventos de máis de 40 nós, de saír adiante mailo cansanzo extremo e a perda dun compañeiro de competición. 

As ansias de superación e esa forza inmensa que Portela saca do río a cada palada tensa os seus brazos ó cruzar á meta sabedora de que leva un ouro pendurando do pescozo. Os ollos húmidos de Támara recollen ó fin dunha etapa de meses e miles de millas as súas emocións desvanecidas, logo dunha extenuante batalla final a bordo do Mapfre.   

"Como van?", pregunta alguén. A estas horas os heroes do fútbol nacional asinan un resultado camiño do título febril arredor do que se moven milleiros de corazóns —e de euros— no mundo. 

Mentres, Teri vén de facer unha entrevista. Prepara as cousas para o adestramento de mañá e deita á súa filla. Támara combina intervencións nos medios e parabéns. Toca descansar e poñer rumbo á casa. Axiña albiscarán novos retos nos seus respectivos horizontes. Lonxe dos focos, de talonarios millonarios e multitudes nas cidades, pero cos seus nomes xa tatuados na Historia e o seu reflexo nos ollos de milleiros de nenas.

Elas si que son mundiais
Comentarios