Lunes. 16.07.2018 |
El tiempo
Lunes. 16.07.2018
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Neve, bica e licor café

Un grupo de felos, as máscaras do Entroido de Maceda, en Ourense. BRAIS LORENZO (EFE)
Un grupo de felos, as máscaras do Entroido de Maceda, en Ourense. BRAIS LORENZO (EFE)

O SON dun baile de chocas. O nariz colorado polo alento da néboa. Un arrecendo doce que flúe da cociña. Unha conversa de madrugada con sabor a bica e licor café. O crepitar da leña na cheminea tralas costas. Unha chuvia de faíscas brancas. Tres xerseis baixo un disfrace mínimo. E unha morea de lembranzas.

O sorriso cínico dos cigarróns nunha máscara de madeira. O son seco das vexigas infladas que golpean as pantallas coas súas cintas de cores e ese retrouso de campaíñas que portan no van. As ansias de troula na praza da vila, baixo as pernas do meco. Unha noite lonxe. Sen cobertura, nin wifi nin rabo de gaitas. E a algarabía dos nenos envolta en tea de peluche para reter a caloriña.

Hai un lugar onde o Entroido ten pouco que ver cun desfile canario, malia que non falten os arcos de plumas, nin as saias con volantes bailando sobre o asfalto, nin a pel enfariñada ó aire xélido desfilando pola estrada de Madrid. Malia que unha batucada quente sobre a pedra vella se abra camiño entre a xeada de febreiro. Sabe o Entroido dese interior tan verde e tan húmido ó que lle quedan tan poucos relevos a sobremesa elaborada a lume maino. Escóitase nas cociñas un coro de ovos a bater, e ese renderse á calor de cando a mestura azucrada espalla a súa densidade pola tixola, na procura dunha textura lene e afumada. Un paseo de la baixo a saraiba, coa noite presumindo de Vía Láctea. Ou unha charanga alegre que mestura retranca e risos a esgalla. Unha festa e uns namorados. O descaro. A provocación. A sátira. Unha escena mordaz do cotián sobre un remolque. Troula e festa. E veña festa. As nubes fuxindo pola boca. E un boneco por bandeira.

Das festas de toda a vida, unha das que menos me gustou sendo nena foi o Entroido. Polo estoupido dos petardos que os rapaces facían soar pola cidade e por esa teima que tiñan algúns de agocharse tras dunha máscara para amolar. Ou polas mans ateridas de frío, e porque se mirabas para adiante aínda quedaba inverno para aburrir.

Nunca me atraeu o Entroido ata que descubrín un camiño de ferro afastado da vida baixo un edredón de neve. E coñecín a unha muller que quería ser peliqueira, que bulía polas rúas despregando a súa retranca a cada lategazo, e vin á ‘Morena’ baixar polas corredoiras de Laza ante ducias de fotógrafos, un deles do National Geographic. E a homes con sacos de terra e formigas encarrexadas nun luns borralleiro. E a un enxame de turistas envolto nunha loita incomprensible de noxentos farrapos. Ata que rin ata caer rendida arrodeada de ‘choqueiros’ e souben que son dunha terra que pinta caras con fariña alén do triángulo máxico. Que confecciona tradicións preciosas con sombreiros de flores e vistosos colares, como os das Madamas e os Galáns de Cobres. Na que se mestura a festa salvaxe do Oso de Salcedo coa ledicia dos volantes do Entroido Ribeirao. Nunca me fixara na cara máis rebelde da festa ata que sentei a unha mesa que desbordaba sarcasmo e viandas entre desfile e desfile dos boteiros, en Viana, ou ata que cheguei ó recuncho máis colorido de Manzaneda, onde fan o seu baile as mázcaras con zeta, haxa neve ou non.

Hoxe, o meu Carnaval é algo máis quedo e prácido. A caloriña dunha lareira dos nosos tempos quece as anécdotas de hai dous días ó son dos soños dos pequenos. Entre amigos. Unha conversa de madrugada con sabor a bica e licor café da casa. Fóra, durme a noite. Soan ó lonxe tambores e cascabeis. Tamén neva. É tempo de Entroido. 

Neve, bica e licor café
Comentarios