Lunes. 22.10.2018 |
El tiempo
Lunes. 22.10.2018
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

O marcapasos

É a música un fío que vai enlazando recordos, épocas ou momentos da vida. Unha sorte de marcapasos que vai acendendo o corazón a cada latexo entre notas que brillan como chispazos dun tempo anterior

David Summers durante o concerto de Hombres G en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
David Summers durante o concerto de Hombres G en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

HOXE HAI concertos que arrincan abrindo portas violetas e lanzando proclamas a prol da investigación do cancro ou pola inclusión das persoas diversas. Hai actuacións que mesturan apertas en galego con restrousos divertidos para que os máis pequenos saboreen a lingua nai entre canción e xogo, e logo están os concertos que son auténticas viaxes ó pasado. Coma este:

Un sábado calquera en festas atópaste nunha enorme praza diante dun grande escenario e tres pantallas cando empezan a soar acordes de pura nostalxia. Non estás aí por casualidade. De súpeto, transpórtaste a algún día de novembro de entre 1989 e os primeiros noventa, e veste a ti mesma abrindo o teu primeiro vinilo de regalo, con acné e insoportablemente adolescente, feliz co disco na man. E volves a esas tardes nas que a agulla pinchaba a fío os mesmos retrousos e ti, atrincheirada na mocidade do teu cuarto, sentías os primeiros voleteos da vida. Cambia o ritmo e viaxas tempo despois á compostelá Praza da Quintana ou á maxia do auditorio ó aire libre de Castrelos, en Vigo, para saltar e bailar sen fin e cantar con folgos inesgotables e a gorxa irritada que es unha chica cocodrilo, ou cos chisqueiros acesos anticipándose ás lanternas dos móbiles de hoxe arrolan os sentidos con aquela Temblando. Todos temos un pasado máis ou menos confesable, cunha banda sonora de seu, onde arribou parte da nosa inocencia, de cando imberbes empezabamos a asomar a cabeza ó mundo, atisbando ao lonxe o camiño dos soños. Cando aínda non sabes canto doe iso de medrar en centímetros, títulos e experiencias, e que marabilloso é ir compoñendo a un tempo o son da túa vida.

Decátaste de que as pantallas reflicten a realidade que se move na praza. Subliñan crueis as faccións marcadas por engurras, coma se estivesen pintadas a lapis. Unha harmonía de cabelos máis brancos, de dedos máis lentos, de corpos un chisquiño máis cansos fala nas táboas. E miras arredor e atópaste nesa nai que abraza polas costas á súa filla moza, cun aura de saudade na face, ou nesas rapazas de corenta e tantos, que levan un litro na man e que rin a esgalla cando unha espontánea lanza o sostén (probablemente mercado no chino camiño do concerto) ó cantante. E recoñeces ós teus compañeiros da infancia nesas cabeciñas núas ou prateadas que se atisban nas ringleiras de diante. Comenzas tarareando unha melodía tímida, abaneando lene o corpo. Si importan os cóbados do do lado e os empurróns. Fáltache o asento, o alento e a calor daquel cuarto da nenez, pero contra a metade do concerto xa empatizaches coas mozas que se sueltan el pelo e non escatiman en berros e asubíos. Agochada entre a multitude, retrocedes no tempo. Polo que para cando a cidade enteira entoa o do marcapasos, ti xa non precisas ler na pantalla a letra das cancións e resbálanche os comentarios acedos sobre o vintage que semella o grupo pijo dos noventa por parte duns milenials que esnaquizan diante túa as cancións do teu pasado.

Hora e pico máis tarde apágase a luz e cala o baixo. Esvaécese a nostalxia e todo volve ó seu sitio. As épocas, a néboa e as obrigas. E marchas dalí cun sorriso na cara e no padal a ledicia do día no que abriches o primeiro vinilo. Gardas no bolso todas esas olladas cómplices que atopaches nesa praza, entre as fichas das atraccións infantís e o carné de xornalista. Miras para os lados, abrochas o sostén e suspiras. "Ai, se Mecano se xuntase algún día".

O marcapasos
Comentarios