Martes. 18.09.2018 |
El tiempo
Martes. 18.09.2018
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Sen volta atrás

"Comezan as historias con homes encumados rematan sempre todas coas mulleres que os salvaron". Esta empeza de maneira distinta

Manifestación en Arxentina polas mulleres asasinadas. DAVID FERNÁNDEZ (EFE)
Manifestación en Arxentina polas mulleres asasinadas. DAVID FERNÁNDEZ (EFE)

NON SÓ o líder de Ciudadanos leva días fóra de xogo. Non só os políticos, así en xeral, teñen a sensación de que –para ben ou para mal– se lles moveu a terra firme que tiñan baixo os pés, cambiándolles o paso, o calendario e mailo escenario. Son moitos e moitas as cidadás con e sen carné político que, cinco días despois, non teñen moi claro en que país se levantan cada mañá. Se naquel no que todos os días saía algún colectivo á rúa a protestar pola escaseza das pensións, polos recortes en Sanidade ou a deriva da Educación; ou neste novo que agromou unha vez caída a primeira gran lousa da corrupción, e o fixo encabezado por once mulleres e catro homes e un proxecto completamente distinto. Se naquel no que se encomendaban os asuntos máis complexos dos ministerios á Virxe e cantar podía ser unha actividade perigosa, ou neste novo Consejo de Ministras e Ministros que enarbola a bandeira do europeísmo no seu concepto máis amplo, e recupera palabras como diálogo, solidariedade e igualdade.

A sociedade observa cunha mestura de incredulidade e expectación, con esperanza e certo temor a ese belisco no brazo que nos faga espertar desta sorte de novo soño no que as mulleres avanzamos nunha corrente de sororidade sen precedentes.

Xa non hai freo. Cómpre lembrar que hai unhas cantas semanas, non tantas, metidos de cheo no escándalo do máster e as cremas, cando o pontevedrés que chegou a presidente do Goberno non imaxinaba semellante revés, e Sánchez só atisbaba a súa carambola nos seus soños máis felices, os medios de comunicación tamén esgrimían o nome de catro mulleres entre os cinco posibles sucesores de Mariano Rajoy.

Que non. Que non hai volta atrás. Que ninguén se moleste en tratar de deternos mentres vamos rachando este teito de cristal. Que ninguén pense en dicirnos cal é o noso papel aquí. Nin que podemos ou non podemos facer. Nin cantos sacrificios temos que asumir para entrar nunha talla non sei cantos. Que non se esmeren en poñer o foco no gardarroupa das nosas dirixentes, nin en quen durme na súa cama, nin en comentar si os seus ollos son penetrantes, a súa voz demasiado grave, si ten "un chasis de aquí te espero" ou loce turbantes con bo gusto, ou vai sen maquillar, ou mal peiteada ou calza zapatos demasiado sinxelos. Porque o que de verdade nos preocupa e que medidas van adoptar para desenredar este nó territorial no que andamos leados; de que maneira van manter o crecemento económico e atender a un tempo os colectivos máis vulnerables; ou en que momento van impulsar as medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e que é o que acometerán para facer realidade a declaración de intencións da vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, de "achicar as desigualdades e conseguir a gran igualdade".

Canta a nosa Guadi Galego: "Comezan as historias con homes encumados rematan sempre todas coas mulleres que os salvaron". Pois non. Esta historia empeza con nomes de muller. Non son as únicas. Outras puxeron as primeiras pedras antes. Saben, sabemos, que as estarán observando baixo a lupa decotío. Levan tempo demostrando nas súas áreas o que valen. Acertarán ás veces e outras equivocaranse. Elas e as que se atopen enfronte. Elas e as que as observan. E as que non teñen voz. E as que veñan logo. Polo de agora unhas e outras xa veñen de facer historia. E a min éncheme de orgullo contarllo ós meus fillos.

Sen volta atrás
Comentarios