Blog | A lume maino

Un anuncio de Nadal

Espectáculo creado por Perfordance para Nadal no Price, inspirado no conto Canción de Nadal de Dickens. EFE
photo_camera Espectáculo creado por Perfordance para Nadal no Price, inspirado no conto Canción de Nadal de Dickens. EFE

O DÍA do meu aniversario comezara xa na sobremesa anterior, cando en vez de facer os deberes imaxinabamos en voz alta todos os plans que iamos compartir para celebralo. Porque o día que un cumpre anos, manda, elixe o xantar e pode pedir un desexo ou máis, especialmente se hai torta de chocolate con candeas que apagar a asubíos na sobremesa. As sorpresas multiplícanse e tamén os bicos xa desde primeirísima hora.

O mellor de todo é ver como os seus ollos espelidos andan á caza do teu sorriso. Un debuxo a catro mans, que tanto se pode contemplar ó dereito coma ó revés, unha morea de tiróns de orellas. Cancións. Que se "pecha os ollos", que se "abre as mans...". E na porta do cole, unha despedida ó revés. "Pásao moi ben hoxe no teu día, mamá". Coma se fosen eles os que me deixaran a min ás portas da vida para volver por min ó rematar a mañá.

Eu volvo a mirada atrás e recoñézome naquel día no que percorrín non sei cantas tendas de ‘todo a cen’ no que foi o meu barrio da nenez, na procura dunha declaración de amor para a miña nai tatuada nun pratiño ‘hortera’ de cerámica, ou naqueloutro día que escribía poemas para levarllos ó hospital. E anos máis tarde, empezando a anotar as primeiras liñas nun tren. E hai dez anos tamén, cando a miña filla maior abriuse paso no mundo e me fixo mudar o relato entre contracción e contracción.

Hai días tinguidos de vermello no calendario. Días nos que unha mensaxe no móbil cun anuncio de Nadal aperta a amígdala ata espremer as bágoas. Días que te lembran que o destino é caprichoso, que está aí agardándote nunha esquina sen que ti o vexas. E un día, cando menos o esperas, decide sorprenderte. Nunca sabes que carta che vai tocar na seguinte xogada. Pode que non sexa mellor por moito que te esmeres, ou que creas que o mereces, poida que si, por que non? Tampouco hai que pensar sempre no malo. Na vida pasan cousas marabillosas todos os días. Unha mañá, de andaina tralo luscofusco da ría descubres a un rapaz que está percorrendo os campos de refuxiados na procura dun proxecto que levar a cabo só polo mero feito de non ficar cos brazos cruzados mentres ás portas do noso mundo de conto o tempo semella terse detido. Unha noite asistes cal intrusa convidada a unha conversa a corazón aberto entre unhas actrices que interpretan ás mulleres invisibles e as mulleres ás que representan e es testemuño das apertas e dese intercambio de pareceres que se pon cara arriba sobre as táboas.

Un día aprendes que o mellor dos libros é lelos en voz alta polas noites, a tres ou catro voces ou as que faga falta. O terceiro atópaste na sala de espera agardando por un diagnóstico contendo a respiración. Ou descobres que vendiches o boleto premiado na túa libraría. Seis millóns de euros, case sete, para algún veciño. E es feliz.

Hai días nos que mentres todo o mundo fala de bandeiras e papeletas, o teu pensamento vai por libre, prisioneiro dos teus devezos, ata que un anuncio no móbil che lembra que o que de verdade importa é chamar á amiga coa que sempre estás a aprazar o café, subir de novo ó miradoiro máis alto da Ría para ver mergullarse o sol tralo horizonte e non esquecer os bicos de boas noites.

Hai madrugadas que non son para durmir, do mesmo xeito que hai noticias que non son para contar e monstros que non se poden agochar baixo da cama. E tamén hai anuncios de Nadal que non son só para vender turrón, cava ou licor café. Hai aniversarios que cumpren desexos e momentos que quedarán para sempre gravados na memoria. Un punto de inflexión ou simplemente iso que sentes cando atopas a rima do verso que che faltaba.

Comentarios